Novas multas de Subdelegación do Goberno por se mobilizar contra despexo de Aurelia

Aurelia

Stop Despexos informa que esta semana chegaron propostas de sanción a outras dúas persoas, sendo xa 13 as represaliadas por participar nos protestos de Auelia Rey

A maquinaria da Delegación do Goberno non coñece tregua. Desde Stop-Despexos da Coruña notifican que outras dúas persoas foron multadas por ter participado en mobilizacións sociais na cidade. Son xa 13 as e os cidadáns que recibiron da Subdelegación do Goberno unha proposta de sanción en relación coas protestas polo desafiuzamento de Aurelia Rey.

“En total, son aproximadamente 6.000€ os que o Estado quere cobrarnos por ternos atrevido a denunciar publicamente que está a aplicar de xeito consciente medidas políticas agresivas contra a poboación para, co diñeiro que nos quita, poder seguir financiando ás entidades bancarias que crearon esta crise, ao tempo que continúan a alimentar a espectacular corrupción aniñada na política española”.

Para a plataforma, estas sancións van máis aló de ser un castigo do Goberno a quenes participamos habitualmente en mobilizacións sociais: é unha volta de torca na súa estratexia do medo, da inseguridade, un intento de amedrentar á cidadanía, de disuadirnos para que esteamos caladas/os

O vindeiro xoves 11 de xullo, terá lugar ás 20.00hrs. no Obelisco unha concentración baixo o lema 'Múltannos a nós para asustarte a tí' para denunciar a represión da solidariedade que están a cometer o Concello da Coruña e a Subdelegación do Goberno.