Fin do estado de alarma: novas medidas para o control da Covid desde esta medianoite

A hostalaría concentra a maior rebaixa das restricións cunha ampliación dos horarios. (Foto: Arxina).
Esta medianoite desaparece o estado de alarma. Con el decae unha serie de restricións fronte á Covid que a Xunta seguirá a aplicar en función da situación epidemiolóxica e co aval da Xustiza cando afecten aos dereitos fundamentais.

A fin do estado de alarma exixe adaptar as limitacións contra a pandemia a un marco legal diferente sen descoidar a evolución da pandemia que o Comité Clínico seguirá a analizar semanalmente para axustar as súas recomendacións. 

A Xunta xa avanzou os seus plans e a entrada en vigor a partir desta medianoite de novas medidas que seguirán enmarcadas nos catro niveis de restrición agora en vigor. Medidas adaptadas ás novas condicións, que nuns casos supoñen un alivio das limitacións e noutros un obstáculo para aos dereitos e liberdades fundamentais, que han de contar coa autorización do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza.

Feche perimetral

O feche perimetral da Galiza desaparece, o que significa que os viaxeiros poderán entrar e saír cara a Portugal, cara outros territorios do Estado ou países estranxeiros sen fechamento perimetral propio. Porén Galiza mantén activo o rexistro de viaxeiros que obriga os visitantes a declarar a súa procedencia de lugares cunha alta incidencia da Covid-19. Só os concellos no nivel máximo de restricións -Cambados, Vilanova, Cualedro, Laza e Padrón- conservarán as limitacións de mobilidade.

Toque de recoller  

O toque de recoller decae en todos os casos salvo nos concellos con limitacións máximas, onde permanece a obriga de estar na casa entre as 23 e as 6 horas.

Bares e restaurantes

Nos concellos fechados, seguirán clausurados. No resto, respectarán os límites de capacidade que xa operan en cada caso. Mais, bares e cafeterías poderán abrir até as 23 horas, mentres que os locais con licenza de restaurante poderano facer até a unha da madrugada. Iso si, deberán contar con rexistro de clientes e medidores de CO2.

Reunións sociais

As xuntanzas de persoas conviventes e non conviventes non mudan, en esencia, malia o levantamento do toque de recoller. No nivel máximo, as reunións de non conviventes seguen prohibidas. No resto, non se poden xuntar máis de catro persoas non conviventes nos domicilios, seis cando os encontros sexan no exterior.
Ao fío dos novos horarios da hostalaría, a Xunta avoga, de momento, por limitar calquera reunión de non conviventes entre a unha e as seis da madrugada nin nos domicilios nin na rúa.

Botellón

A mediados de 2020 a Xunta prohibiu "o consumo en grupo de bebidas alcólicas na vía pública, parques e prazas públicas, e noutros lugares de tránsito público". A medida segue vixente.

Residencias

Volven os abrazos aos centros de maiores e amplíanse as saídas naqueles localizados en concellos con limitacións medias e baixas. As persoas residentes poderán gozar de saídas familiares dun mínimo de cinco días e de até cinco saídas semanais dun máximo de catro horas.

Centros de día

Aqueles nos que se supere 90% de usuarias vacinadas, poderán saír pasear pola contorna das persoas coidadoras.

Excepcións á prohibición de reunión con non convivintes

Segundo a orde publicada esta sexta feira pola noite no Diario Oficial de Galiza (DOG), as medidas estabelecidas para facerlle fronte á pandemia da Covid-19 ratifican o anunciado na quinta feira polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

A propia orde recolle de novo excepcións. Unha delas é a das persoas que viven soas, que poderán adherirse a unha unidade de convivencia ampliada. Ademais, permítense os encontros entre menores de idade e os seus pais, así como de matrimonios e parellas, cando vivan en domicilios diferentes.

Tamén estarán permitidas as reunións que teñan por obxecto o coidado e a atención a persoas menores de idade, maiores, dependentes, con discapacidade e con vulnerabilidade. Outra das excepcións afecta a actividades laborais, institucionais, empresariais, profesionais, sindicais, administrativas, educativas e formativas, ademais da práctica de deporte federado, aínda que "sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos", engade a orde de Sanidade.