Novas marcas Covid para Galiza: máis de 5.000 positivos en 24 horas e case 37.000 casos activos

Imaxe de arquivo de colas no CHUS para facer PCR (Foto: Arxina)
A carga asistencial increméntase lixeiramente, con oito hospitalizados máis na última xornada.

As cifras de contaxios e infeccións activas de Covid-19 na Galiza baten marcas por terceiro día consecutivo. Así, nas últimas 24 horas rexistráronse 5.718 positivos, mentres que a cifra de casos activos escala até os 36.909. A presión hospitalaria tamén se incrementa lixeiramente, con 321 hospitalizados por coronavirus (oito máis). A taxa de positividade por PCR volve a repuntar e alcanza o 23,52%.

No que respecta ás novas infeccións, segundo os datos publicados esta quinta feira pola Consellaría de Sanidade -recolle até as 18 horas da cuarta feira-, a cifra de 5.718 implica bater a anterior marca de 4.559 casos deste 29 de decembro. De todos os positivos notificados na última xornada, a área de Santiago sitúase á cabeza ao concentrar 1.503 das novas infeccións. Séguenlle a da Coruña, con 1.045; a de Vigo, con 983; a de Pontevedra, con 631; a de Ourense, con 622; a de Lugo, con 619; e pecha Ferrol, con 315l.

Segundo os últimos datos actualizados polo Ministerio de Sanidade na tarde da cuarta feira, a incidencia acumulada da Galiza continúa en ascenso e alcanza os 1.214,74 casos por 100.000 habitantes. No Estado esta taxa está nos 1.508,39.

Para analizar o ascenso da cifra de contaxios detectados no último día, hai que ter en conta que nas últimas 24 horas analizadas realizáronse 17.417 PCR, que son 2.530 máis que a xornada previa.  En canto á taxa de positividade en PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test-, volveu a subir até 23,52%, moi por riba do limiar do 5% que fixa a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

Se se observan as hospitalizacións, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) contabilizaba un total de 321 pacientes covid ingresados, oito máis que o día anterior. De todos eles, 271 están en planta (nove máis) e 50 en unidades de coidados intensivos (un menos).

A carga asistencial increméntase en catro das sete áreas. Pontevedra, rexistra 38 hospitalizados en planta (un máis) e 10 en coidados intensivos (sen cambios); a área de Santiago conta con 39 ingresados en unidades convencionais (cinco máis) e catro en UCI (un menos). Tamén aumenta no distrito sanitario de Ourense, onde hai 44 pacientes en planta (seis máis) e sete en UCI (sen cambios) e no de Lugo, onde son 15 os hospitalizados en unidades convencionais (tres máis) e cinco en críticos (sen cambios). Doutra banda, a presión hospitalaria baixa en dúas. Na de Vigo, hai 66 pacientes en planta (cinco menos) e 14 en UCI (sen cambios); mentres que a de Ferrol mantense con dous ingresados en críticos pero conta cun menos en unidades convencionais, 12. A área da Coruña, pola súa banda, non rexistra cambios e mantén a 57 pacientes en unidades convencionais (sete máis) e oito en UCI (dúas máis);

A sexta vaga da pandemia da Covid-19 segue en ascenso. Así, Sanidade notifica esta quinta feira unha nova marca con 36.909 casos activos da enfermidade, após unha suba de 4.802 nun día. Esta escalada dáse en todas as áreas sanitarias, sen excepcións. A que máis casos activos acumula segue sendo a de Vigo, con 9.345 (+651), seguida da de Santiago con 6.738 (+1.431).

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia ascenden a 2.760, ao notificar a Consellaría de Sanidade este cuarta feira tres vítimas mortais máis.