Novas infraestruturas e concienciación, deberes para evitar a escaseza de auga

O encoro de Eiras, situado no municipio de Fornelos de Montes, é un dos que abastece a área metropolitana de Vigo (Foto: F. Gutierrez).
A escaseza de choivas destes meses devolveu á actualidade a pantasma da seca. As últimas choivas non fixeron que os encoros recuperasen os niveis perdidos e a previsión meteorolóxica non é boa. Álvaro Francisco Morote, experto da Universitat de València, estudou esta situación antes da pandemia e reitera que hai que actuar na concienciación mais tamén na creación de infraestruturas que fagan ser menos dependente do tempo atmosférico. 

A Xunta da Galiza activou o pasado 7 de febreiro o nivel de prealerta de seca en 12 sistemas de explotación da Demarcación Hidrográfica Galiza-Costa e reuniu, tres días despois, por primeira vez este ano a Oficina da Seca. Desta xuntanza, na que participaron varios departamentos do Goberno galego, saíu a conclusión de que a solución ao problema da falta de auga viría da man das precipitacións. Porén, as choivas que caeron estes días pasados non foron quen de compensar un outono e un inverno moi secos.

O investigador do Departamento de Didáctica das Ciencias Experimentais e Sociais da Universitat de València Álvaro Francisco Morote Seguido realizou entre os anos 2016 e 2018 un estudo no que analizou os efectos das secas, a súa mitigación e a vulnerabilidade fronte a este risco na Demarcación Hidrográfica de Galiza-Costa. O traballo, presentado a mediados de 2019, recollía a situación de seca de 2017, unha das peores, segundo este profesor, "dos últimos cen anos". En conversa con Nós Diario, non descarta que se repita esa circunstancia ou mesmo que empeore, converténdose "nunha situación estrutural". 

"Non polo feito de estar nun clima atlántico significa que non haxa secas, sempre houbo e os datos están aí", lembra Morote, "a cuestión está en que non é un territorio adaptado na actualidade á seca", engade. 

Falta de concienciación e infraestruturas

Na súa análise, alerta da percepción errónea que existe de que "sempre haberá auga, cando non é certo". Por este motivo apunta á importancia das campañas de sensibilización "que cambien a visión da poboación e impliquen as Administracións". Tamén bota en falta a preparación de infraestruturas para os casos de seca. "Que alternativa hai cando secan os encoros?", pregúntase este investigador. Para Morote "a Galiza non está adaptada aos efectos do cambio climático". 

Outras zonas do Estado español con peores índices de precipitacións levan anos adaptándose á falta de choivas. "Implica apostar por outros recursos hídricos complementarios", como é o caso "das augas urbanas que se depuran e volven ao ciclo para o seu uso en xardíns ou mesmo para o rego agrícola". 

Entende que "é polémico" mais "debería comezar a pensarse en sistemas alternativos como poderían ser as plantas desalinizadoras". Para Morote, "a Galiza non debería depender da auga da choiva". Di que non é unha decisión doada, ao seren unhas instalacións "custosas e que se empregarían cada certo tempo, cando hai necesidade".

Outra das eivas que detectou este profesor é que "os encoros para abastecemento de auga á poboación son moi pequenos". Pon como exemplo o de Eiras, que realiza o subministro a toda a área metropolitana de Vigo e "so ten unha capacidade de 22 hectómetros cúbicos".

Control do gasto e a eficiencia 

Na Galiza non está implementado un sistema de contadores de telelectura da auga co cal poder constatar o nivel de  gasto de auga por vivenda e detectar calquera caso de perda. A maiores, Morote indica que hai que controlar "a eficiencia da rede de abastecemento". 

Este tema apuntouno no seu momento a Nós Diario o fundador da asociación de comunidades de augas Coxepo Rafael Carrera, que se queixaba do baixo control do servizo que dan as empresas privadas aos concellos. 

"De cada 100 litros que se distribúen polas canalizacións chegan ao domicilio menos de 80", segundo Morote. Os datos, para este profesor, poderían ser peores e estar "en realidade nun 50% ou 60% de eficacia". A razón destas perdas viría da "falta de actualización das tubaxes que son antigas".