Ourense pulveriza a marca da terza feira e alcanza os 44 graos

Ourense segue a liderar as temperaturas extremas. Na imaxe, unha muller refrescándose esta quinta feira nun parque do municipio. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Activada a alerta vermella na cunca do río Miño polas temperaturas extremas que continuarán, cando menos, até a segunda feira.

A maior vaga de calor que se lembra na Galiza segue a bater récords segundo os datos de Meteogalicia. Esta quinta feira Ourense marcou, cumpridas as 16.30 horas, o valor máis alto na estación da entidade meteorolóxica galega na zona desde que existen rexistros —1972—, cando se comezaron recadar estes datos: 44 graos centígrados.

A cidade das Burgas superou, deste modo, o pico de temperatura que alcanzara na terza feira e que tamén supuxera un rexistro histórico, 43,3ºC, tamén segundo Meteogalicia, os mesmos graos que esta quinta feira chegaron a percibirse en Ribas de Sil.

Con este novo dato, Ourense ficou a só dúas décimas do récord histórico do país, que ostenta o concello de Leiro desde o 7 de agosto de 2016 (44,2ºC).

A xornada principiou xa cos termómetros da meirande parte dos municipios costeiros por riba da barreira dos 30ºC, así como noutros moitos do interior do país, segundo os datos ofrecidos por Meteogalicia.

As temperaturas mínimas superaron durante a noite os 20 graos na práctica totalidade da Galiza, e só Calvos de Randín —arredor das 3.40 horas— e Cospeito —7.30 horas— lograron baixar dos 15ºC.

No extremo oposto, Carnota volveu vivir unha noite 'tropical' con temperaturas superiores a 30ºC e que, cando saíu o sol, rexistraba o valor máis alto do país: 35,4ºC.

A calor extrema seguirá até a segunda feira

Malia que nun primeiro intre tanto Aemet como Meteogalicia dixeron que a vaga de calor sucumbiría ao remate desta semana, a axencia estatal precisou esta quinta feira que as temperaturas extremas continuarán na Galiza até, cando menos, a vindeira segunda feira.

Por mor dos elevados rexistros que hoxe volverán protagonizar os termómetros galegos, a Xunta decretou a alerta vermella na cunca do Miño, que nesta xornada alcanzará de novo os 42ºC.