A nova vaga de coronavirus, “escusa” para recortar dereitos das persoas presas

Teixeiro

Esculca e Abaixo os Muros! informan que, máis unha vez, os vis-à-vis ficaron interrompidos nos cárceres galegos agás, por agora, no penal de Bonxe

Máis unha vez, a pandemia empregada como xustificación para o recorte dos dereitos de persoas presas. Unha denuncia quer partillan o Observatorio para a defensa dos dereitos civís e liberdades Esculca e o colectivo de apoio ás persoas presas Abaixo os Muros!

“A pandemia non pode ser escusa para negarnos unha é outra vez o dereito das persoas presas ao contacto con nós, familiares e amigos que estamos fóra, recollido no artigo 25 da constitución española e no 45 do Regulamento penitenciario”, apontan desde Abaixo os Muros!.

“Máis unha vez e sen notificación oficial na que se refira a lei ou real decreto que ampara estas decisións, a prisión da Lama, presidida por Teresa Delgado, volve prohibirnos abrazar a nosa xente presa (até no Nadal, datas sinaladas e ademais para moitas vacacións escolares e laborais co que é máis doado organizarse para axustarse aos horarios das visitas no cárcere, polo regular axustados á comodidade do funcionariado de prisións e non á facilitación da conciliación familiar e laboral de calquera familiar dun preso, véxanse os horarios de calquera prisión galega) despois de case dous anos de respostas ambiguas e difusas que eluden responsabilidades e perpetúan unha tortura encuberta ao abeiro dun contexto socio-sanitario que unha vez mais esquece a quen está no cárcere”.

Desde a coordinadora Abaixo os muros denuncian publicamente “esta gravísima vulneración de dereitos” ao tempo que formulan varias preguntas. Así, queren saber por que as PCR non serven para entrar a ver un familiar como serven para entrar noutros lugares ou  cal é a ordenanza, regulamento ou outro documento oficial de Sanidade Penitenciaria en que están recollidos os motivos dunha nova suspensión de vis-à-vis.

“Tamén chama Abaixo os Muros! a telefonar os cárceres e formular estas preguntas para “presionar” Institucións Penitenciarias a procurar unha “alternativa razoábel a esta reiterada suspensión de dereitos a que se ven sometidas as persoas presas cada vez que se produce un agravamento da pandemia”.