EN RIANXO

Unha nova tala de eucaliptos volve danar a 'Aldea Maldita' de Abuín

Imaxe: @julian_bustelo

O paso de maquinaria pesada afectou os muros de pedra que delimitan as corredoiras neste emblemático lugar epicentro de lendas e contos populares, que protagonizou desde un dos contos do ‘Cousas’ de Castelao até programas de misterio de Iker Jiménez.

“Unha nova tala volve a danar a 'Aldea Maldita de Abuín' e a súa contorna. A vella aldea, que protagonizou o relato 'Camiño esquecido' de Castelao, segue sendo noticia polas afeccións que sofre no canto de polos valores patrimoniais, antropolóxicos e etnolóxicos que garda”. A través dun chío nas redes sociais o arqueólogo rianxeiro Julián Bustelo, concelleiro de Rianxo en Común e colaborador de Sermos Galiza; denunciaba como unha nova tala de eucaliptos danaba este emblemático lugar. Nesta ocasión, afectando muros de pedra das corredoiras.

En febreiro do ano pasado unha tala danou dúas das cinco construcións que ficaban na coñecida como ‘Aldea Maldita' de Abuín, un lugar da parroquia rianxeira de Leiro, deshabitada desde hai moito tempo e epicentro de non poucas lendas e contos populares que mesmo sobrepasaron as fronteiras da Galiza.

“Este lugar acolle numerosas lendas que explican o seu despoboamento. Aínda que a máis probábel fose a chegada dunha epidemia ou praga que decimase a poboación, tamén se fala dun ataque por parte dos viquingos. Pero a lenda que ten máis peso fala dunha maldición por causa do tesouro que os veciños roubaran no mosteiro da Armenteira e que despois lle deron ao cura para que o escondese. O cura morreu esa mesma noite e, pouco despois, foron detrás numerosos veciños. Aínda que intentaron recuperar o tesouro para devolvelo ao mosteiro, e así librarse da maldición, nunca máis foi localizado e os poucos que sobreviviron decidiron fuxir do lugar. Contan que o tesouro está soterrado baixo unha das casas que aínda conserva parte da súa estrutura e que antigamente fora a capela”, recóllese no portal Patrimoniogalego.net.​

Castelao, rianxeiro, recolleu no relato ‘Camiño esquecido’ do libro ‘Cousas’: “Aquela “verea vella” turraba por min e, cando me fixen home, arrisqueime a pasala. E máis alá da medoñenta congostra topeime cunha aldea sen xente”.

Até Iker Jiménez, xornalista especializado no ‘paranormal’, ten dedicado programas a este lugar da parroquia de Leiro, non sempre acertadamente (“Ata o pobre topónimo está maldito, seica. Segundo o programa do Rigoroso Íker, Abuín é un “nombre de mal agüero” (!!)” afirmaba Manuel Gago, dixulgador do patrimonio, no seu blog)