Nova realidade climática

Novo récord de emisión dos gases causantes do efecto estufa

O uso de combustíbel fósil incrementa o efecto estufa. Na foto refinería da Coruña

A Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) anuncia "unha nova realidade climática" e alerta sobre os niveis de CO2 alcanzados ao ser previsíbel que se manteñan durante este ano e que permanezan así "por varias xeracións"

As emisións de gases de efecto invernadoiro alcanzaron durante o ano 2015 as máximas cotas coñecidas ao se superaren as 400 partes por millón (ppm) de media durante todo o ano e en todo o mundo.

A próxima Conferencia sobre o clima (COP22), que terá lugar do 7 ao 18 de novembro en Marrakech, afondará sen dúbida sobre esta problemática. A OMM (Organización Meteorolóxica Mundial) lembra, no seu boletín anual feito público esta segunda feira en Xenebra, que nunca o ar estivo tan poluído polos efectos do dióxido de carbono e que se ben é certo que a liña dos 400 ppm xa ten sido alcanzada, durante algúns meses e en certos sitios, nunca tiña acadado esta cifra durante todo o ano e en todo o mundo.

"A aceleración no crecemento de CO2 viuse favorecida polo fenómeno de El Niño, que comezou en 2015 e cuxas consecuencias se mantiveron durante boa parte de 2016", salienta este boletín anual da OMM. Segundo a OMM, El Niño propiciou secas nas rexións tropicais e estas secas limitaron a capacidade de a vexetación e os océanos absorberen dióxido de carbono, que é o principal gas responsábel do quecemento global, 

Para a OMM o CO2 é "o problema número un" xa que permanece millares de anos na atmosfera e por máis tempo aínda nos océanos. 


Na era preindustrial, a concentración de CO2 era aproximadamente de 278 ppm, representando un estado de equilibrio entre a atmosfera, os océanos e a biosfera. A actividade humana, en particular o aproveitamento de combustíbel fósil, perturbou este equilibrio e en 2015 a presenza de CO2 na atmosfera representaba un 144 por cento máis do que no século XVIII até alcanzar as 400 ppm, mantendo unha taxa de crecemento constante nos derradeiros 10 anos.

Neste contexto, a OMM agarda que coa sinatura do acordo de París sobre o clima comece unha nova etapa marcada polo carimbo “do optimismo e a acción sobre o clima", mais sen esquecermos que estas concentracións récord "anuncian unha nova realidade climática".

Por outra parte, a OMM saúda a sinatura recente en Kigali (Ruanda) dun acordo para eliminar progresivamente outro gas de efecto estufa, os hidrofluocarburos, usados en refrixeradores e acondicionadores de ar.