A ANPA do colexio de Folgoso do Courel mantén as presións para non quedar cun transporte precario

Protesta da ANPA do colexio de Folgoso do Courel xunto representantes do Bloque. (Foto: BNG)
Representantes do BNG sumáronse hoxe á concentración promovida pola comunidade educativa do CEIP Poeta Uxío Novoneyra en Lugo.

Malia que a Consellaría de Educación suspendeu de forma temporal o prazo para achegar ofertas e conseguir a concesión do transporte escolar, a ANPA do CEIP Poeta Uxío Novoneyra volveu manifestarse esta cuarta feira como xesto de presión. Á concentración en Lugo sumáronse representantes do BNG como as deputadas Olalla Rodil e Carme Aira.

A comunidade educativa de Folgoso do Courel quere solucións e non un adiamento que ao final poida levar tamén ao que interpretan como un deterioro dos itinerarios para levar ás crianzas á escola. Rodil e Aira, así como o deputado Efrén Castro, Rosana Prieto, Cristina López e Felipe Díaz apoiaron esas demandas.

Insístese en que o servizo quede tal e como está agora e sexa realizado polos taxistas do municipio. A este respecto a xunta comunicaba hai uns días que os condutores podían presentarse tamén á licitación, agora parada por mor das protestas.

“A Xunta da Galiza propón un sistema pensado para o rendemento empresarial, sen ter en conta as necesidades do alumnado e as circunstancias do Courel”, criticou Carme Aira no decorrer da protesta desta mañá.

Na súa opinión “non se pode deseñar un plan de transporte idéntico para zonas urbanas e rurais ou de montaña”.

“A paralización do concurso anunciada pola Xunta tras as mobilizacións da comunidade escolar non fai máis que demorar unha solución ao problema”, incidiu a representante do Bloque no Parlamento.

O partido entende que o plan de transporte do Goberno galego, responde “a unha política de fondo, que despreza o rural e que entende os servizos públicos como fonte de negocio, neste caso a costa do benestar dos nenos e nenas e das familias que viven do taxi no Courel”. Por iso, levará unha iniciativa á Cámara galega.