Alertan que a Xunta prepara unha nova privatización na sanidade galega

Hospital Montecelo de Pontevedra (Europa Press).

CIG-Saúde denuncia que a Consellaría e a Xerencia aproveitan a reforma e ampliación do Hospital Montecelo, Pontevedra, “para entregarllo [o servizo de mantemento] a unha empresa”.

A CIG-Saúde denuncia que a Consellaría de Sanidade pretende privatizar o servizo de mantemento do hospital Montecelo. A estratexia utilizada, afirman, é cederllo a unha empresa aproveitando o proceso de contratación da reforma e ampliación do centro sanitario.

Segundo indica o sindicato, a estratexia da Consellería e da Xerencia da área de Pontevedra e O Salnés pasa por adxudicar o servizo de mantemento en contrato a unha empresa privada, “tal e como se recolle no prego de cláusulas administrativas para a contratación da reforma e ampliación do hospital Gran Montecelo”. 

Aseguran que no prego de cláusulas administrativas consta que o licitador incluirá un plan de mantemento do edificio dende o remate das obras até o remate do prazo de garantía, que é de tres anos, e no que se incluirán os medios humanos e materiais.

Ao mesmo tempo, salientan que non existe partida orzamentaria para o servizo de mantemento, “co que é de supoñer que a empresa terá que facer fronte a este custe rebaixando a calidade dos materiais da obra”. Este servizo conta na actualidade cuns 50 traballadores e traballadoras.