Nova normalidade, mesma resignación: a Galiza avanza na desescalada

Unha terraza da Coruña, nesta sexta feira, cunha grande afluencia con motivo do San Xosé (Foto: M. Dylan / Europa Press).
A hostalaría aumenta capacidade e horarios de cara a unha Semana Santa atípica que o sector prevé "boa dentro das circunstancias".

A Galiza segue a progresar no proceso de desescalada iniciado a finais de febreiro, após ficar practicamente confinada durante tres semanas por mor do descontrol da terceira vaga. Os datos avalían agora un maior alivio das medidas vixentes, mais a Consellaría de Sanidade advirte da posíbel chegada dunha nova ondada de contaxios nun futuro máis próximo que afastado.

Neste contexto, a meirande parte dos concellos afrontarán a Semana Santa, previsibelmente, no nivel máis baixo de restricións, que entrou en vigor nesta sexta feira, nunha xornada festiva pola celebración do 19 de marzo que provocou unha gran cantidade de desprazamentos no país.

Na rúa da Rosa de Compostela, Noela agarda o autobús a primeira hora da tarde para retornar a Brión aproveitando a data. Acepta as novas normas con resignación, consciente de que as restricións son "a única forma de deter a expansión da Covid". Ao mesmo tempo parte Adrián cara a Pontevedra desde a estación de ferrocarril, ateigada de xente, para "visitar a familia" após varias semanas sen abandonar a capital galega. Para el, a prohibición de quedar con persoas non conviventes nos domicilios "non ten sentido porque é contraria ás outras medidas", xa que estes encontros si se permiten en lugares públicos.

Beneficio "irreal" para a hostalaría

Os bares, restaurantes e cafetarías poden abrir desde esta sexta feira até as 21 horas, e nos concellos do nivel baixo aumenta a capacidade de atención no interior (50%, fronte a 30%) e nas terrazas (75%, fronte a 50%).

Porén, o sector lamenta que este incremento "non é real", xa que o novo horario segue a impedir o servizo nocturno: "Paréceme unha tomadura de pelo como venden este cambio, porque na práctica atendermos a 50% supón facelo a 25%, porque podemos ofrecer o xantar pero non a cea, e un día festivo coma o de hoxe [pola sexta feira] nada ten que ver coa escasa afluencia dunha segunda feira ao mediodía", expón, en conversa con Nós Diario, o xerente da compostelá Casa de Xantar O Dezaseis, Avelino Martínez. Porén, apoia as restricións actuais porque prefire "avanzar amodo" na desescalada para non ter que dar "pasos cara a atrás" máis adiante.

Na mesma liña apunta Xosé Santiso, rexente do Fogar do Santiso, que ten locais en Compostela (fechado temporalmente), Teo, Allariz e Oleiros. "A apertura da mobilidade é unha gran nova, porque nós nutrímonos sobre todo do turismo galego. Agardamos que o bo tempo acompañe para que a Semana Santa sexa boa dentro das complicadas circunstancias nas que nos atopamos", di.

A Galiza que fica fechada

Porén, non toda a poboación galega puido gozar nesta sexta feira da festividade do San Xosé. Os concellos de Maside, Paradela e Vilardevós, ao ficaren no nivel máximo de restricións pola alta incidencia da Covid, continúan fechados individualmente e as reunións entre persoas non conviventes están prohibidas en calquera espazo. Así mesmo, a hostalaría segue co enreixado caído e só pode entregar comida a domicilio ou ofrecer a recollida no local.