As pensionistas voltan a se mobilizar

Imaxe da concentración na Coruña [Foto: @anovagal]

Até 10 concentracións en distintos pontos da Galiza tiveron lugar na mañá deste sábado 5M, a acompañaren a convocatoria do Movemento Galego en Defensa das Pensións Públicas (Modepen).

 

O pacto alcanzado polo PP co PNV na negociación dos orzamentos do Estado -voltar a ligar nas contas públicas o aumento das pensións co incremento da inflación- non desactiva a fronte social. Este sábado centos de persoas secundaron as concentracións convocadas por Modepen na Coruña, Vigo, Santiago, Ourense, Lugo, Pontevedra, Ferrol, Ribadeo, Noia e A Pobra do Caramiñal. Con todo, a asistencia foi menor que en anteriores convocatorias.

 

Na concentración de Compostela -decorrida na praza Cervantes- un dos portavoces de Modepen, Álvaro Blanco, deixou claro que o seu colectivo non ficou satisfeito co acordo orzamentario. "Seguramente sexa un espellismo que durará o que duren as necesidades da maioría parlamentar", afirmou en declaracións recollidas por Europa Press.

 

Non fica outra, teimou, que continuar na vía das mobilizacións: "Estamos convencidos de que é cuestión de insistir, persistir e resistir", concluíu.