Nova marca na pandemia: máis de 4.500 positivos rexistrados en 24 horas mentres os casos activos superan xa os 32.000

Colas para se facer un test no CHUS, nunha foto da semana pasada (Foto: Arxina)
Hai un total de 313 pacientes covid ingresados, oito máis que o día anterior. De todos eles, 262 están en planta (13 máis) e 51 en unidades de coidados intensivos (cinco menos).

Galiza continúa a bater marcas en canto a contaxios por Covid-19, que alcanzan este mércores os 4.559 positivos. Así, increméntanse tamén os casos activos, que superan xa os 32.000, un novo máximo da pandemia. Á súa vez, a presión hospitalaria aumenta até os 313 pacientes ingresados por covid (oito máis). Por contra, a taxa de positividad das PRC baixa lixeiramente até 20,01%.

No que respecta ás novas infeccións, segundo os datos publicadosesta cuarta feira pola Consellaría de Sanidade -actualizados ás 18 da terza feira-, a cifra de 4.559 implica bater a anterior marca de 3.468 casos dest mesm terza, 28 de decembro.

De todos os positivos notificados na última xornada, a área de Vigo volve situarse á cabeza ao concentrar 1.049. Séguenlle a de Santiago-Barbanza, con outros 973 contaxios; e a da Coruña-Cee, con 920. Despois están Pontevedra-O Salnés, con 495; Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, con 482; Lugo-A Mariña-Monforte, con 387; e Ferrol, con 263.

Segundo os últimos datos actualizados polo Ministerio de Sanidade na tarde desta terza, a incidencia acumulada da Galiza aumenta até os 1.068,28 casos por 100.000 habitantes. No Estado, esta taxa está nos 1.360,62 puntos.

A incidencia acumulada da Galiza aumenta até os 1.068,28 casos por 100.000 habitantes

Para analizar o ascenso da cifra de contagios detectados no último día, hai que ter en conta que nas últimas 24 horas analizadas realizáronse 14.887 PCR, que son 2.002 máis que a xornada previa. Desde o inicio da pandemia, o Sergas fixo 3.276.032 destas probas.

En canto á taxa de positividade en PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test-, baixou até 20,01%, aínda que continúa moi por riba do limiar de 5% que fixa a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

Se se observan as hospitalizacións, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) contabilizaba esta terza feira ás 18 horas -hora tomada como referencia para os datos publicados - un total de 313 pacientes covid ingresados, oito máis que o día anterior. De todos eles, 262 están en planta (13 máis) e 51 en unidades de coidados intensivos (cinco menos).

A presión asistencial baixa en tres das sete áreas sanitarias. Na de Vigo, hai 71 pacientes en planta (un máis) e 14 en UCI (dúas menos); na de Lugo son 12 os hospitalizados en unidades convencionais (dúas menos) e cinco en críticos (un menos), mentres que na de Ourense hai 38 ingresados en planta (cinco menos) e sete en UCI (dúas menos).

Doutra banda, a carga asistencial aumenta nas áreas da Coruña, con 57 pacientes en unidades convencionais (sete máis) e oito en UCI (dúas máis); na de Pontevedra, con 37 ingresados en planta (dúas máis) e 10 en coidados intensivos (un menos); e na de Santiago, onde hai 34 hospitalizados en planta (nove máis) e mantéñense sen cambios os ingresados en críticos, cinco. A área de Ferrol, pola súa banda, continúa con 15 pacientes covid, dos que dous están en UCI (un menos).

Casos activos

A sexta vaga da pandemia da covid-19 na Galiza segue en ascenso despois de superar o domingo os picos do cinco anteriores. Así, Sanidade notifica esta cuarta feira unha nova marca con 32.107 casos activos da enfermidade, após unha subida de 3.773 nun día. Esta escalada dáse en todas as áreas sanitarias, sen excepcións. A que máis casos activos acumula segue sendo a de Vigo, con 8.694 (+734), seguida da da Coruña con 5.744 (+830).

As persoas falecidas diagnosticadas con covid-19 desde o inicio desta pandemia ascenden a 2.757, ao notificar a Consellaría de Sanidade esta terza feira catro vítimas mortais máis correspondentes aos días anteriores.