Xustiza

Nova labazada xudicial á Xunta e a Monbus: o TSXG anula a adxudicación dun lote do transporte escolar de Vigo

A empresa Monbus controla 80% das concesións de transporte (Foto: Monbus).

O Tribunal estima o recurso presentado por Vigbus. A UTE Vigbus demanda a validez da súa oferta presentada en 2021.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) comunicou esta segunda feira a decisión de anular a adxudicación dun dos lotes de transporte escolar de Vigo adxudicados a unha UTE (Unión Temporal de Empresas) da que forma parte Monbus, UTE Escolar Zona Vigo.

Concretamente, o TSXG, a raíz dunha denuncia presentada pola UTE Vigbus, anula as resolucións do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma da Galiza (Tacgal), de data 25 de novembro de 2021, pola que se estimaba o recurso especial de contratación formulado por Castromil, S.A. contra o acordo de adxudicación do Lote 53, de data 28 de outubro de 2021 á UTE Vigbus, no "Servizo de realización de roteiros de transporte escolar a 424 centros de ensino público da Comunidade Autónoma da Galiza por procedemento aberto suxeito a regulación harmonizada e tramitación urxente, mediante 57 lotes", licitado pola Consellaría de Cultura, Educación e Universidades, que figura na sentenza como parte demandada, mentres que a UTE Escolar Zona figura como codemandada.

Posteriormente, o recurso é ampliado á resolución do Tacgal, de data 25 de abril de 2022, pola que se desestimaba o recurso especial de contratación formulado pola interesada contra o acordo de adxudicación do Lote 53. Aínda que a UTE Vigbus presentara a mellor oferta económica para o lote, o Tacgal estimou que o aval para o mesmo non se constituíra de maneira correcta.

"Aínda que a Administración a considerara correcta, o tribunal de contratación non [...]. O aval non se constituíu en prazo, senón con posterioridade ao esgotamento do mesmo", argumentou a Consellaría contra o recurso presentado por Vigbus.

Con todo, a sentenza emitida esta segunda feira polo TSXG entende que o Tacgal debeu ter aceptado como suficiente e en prazo o documento bancario de aprobación da operación de constitución de garantía definitiva presentado por Vigbus porque "a empresa despregou unha actividade dilixente desde o primeiro momento".

Tendo en conta isto, o Alto Tribunal considera que o recurso presentado por Vigbus debe ser acollido e, por tanto, supón a corrección xurídica da decisión inicial de adxudicarlle o contrato. Contra a sentenza do TSXG emitida onte cabe recurso de casación ordinario.