Unha nova greve reitera o non do ensino galego á Lomce e ás reválidas

Imaxe: @GNAcoruña

A lei acumula rexeite tras rexeita en Galiza. Miles de estudantes saíron ás rúas para exixir a retirada das “reválidas franquistas”. Pola tarde, decorreron concentracións en cidades e vilas.

A Lomce acumula numerosas protestas, accións, iniciativas e manifestacións de rexeitamento. Esta cuarta feira sumou unha máis, cunha greve e unha xornada de mobilziacións e concentracións que volveu amosar que a ampla maioría da comunidade educativa non quer esta lei á que consideran inxusta e discriminatoria.

A greve, convocada polo Sindicato de Estudantes, apoiada pola Plataforma en defensa do ensino públcio e respaldada por diferentes organizacións políticas e sindicais, tivo un importante seguimento nos centros de ensino de secundaria, nomeadamente nos de carácter público. A media mañá, miles de estudantes tomaron parte nas manifestacións que decorreron nas cidades galegas, Vigo, A Coruña, Compostela, Ferrol... Entre as máis numerosas, a da cidade olívica, na que tomaron parte máis de 2.500 persoas segundo medios locais. 'Contras a reválidas franquistas' foi a palabra de orde das mobilizacións, nas que se corearon diferentes lemas, como 'As reválidas que as faga Feijóo', 'A Lomce ao Wertedoiro' ou “Se somos o futuro por que nos dades polo cu'.

A xornada contra a Lomce tivo continuidade pola tarde coas concentracións convocadas pola Plataforma galega en defensa do ensino público en diferentes cidades e localidades galegas. Nas mesmas denunciouse as consecuencias da LOMCE e as reválidas no ensino público.

Imaxes: GZcontrainfo