Nova denuncia laboral contra DomusVi no medio da segunda onda da Covid-19

Un usuario da residencia de maiores de DomusVi en Outeiro de Rei, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O comité de DomusVi de Viveiro acusa á empresa de “non reforzar os cadros de persoal” malia os contaxios pola mala xestión da crise sanitaria

A representación das traballadoras e traballadores de Geriatros-DomusVi no municipio de Viveiro denunciou ante a Inspección de Traballo as condicións laborais impostas pola empresa. O comité asegura que se están a suceder “múltiples incumprimentos laborais” pola mala xestión ante a situación sanitaria derivada do coronavirus.

“A pesar da pésima xestión” da compañía e de que a Xunta interveu varios dos centros que ten na Galiza, “non reforzou os cadros de persoal”.

Así o sosteñen as representantes do cadro de persoal, que din padecer “uns calendarios laborais insufríbeis”. Van máis aló ao acusar a DomusVi de estar a obrigar a algunhas operarias e operarios de Viveiro a “asumir tarefas para as que non están formados”.

As denuncias e críticas de empregadas contra esta empresa non son novas, pois teñen xurdido acusacións desde distintos centros residencias do país. Mesmo familias de usuarias e usuarios remarcaron a mala atención recibida pola falta de persoal.

Se ben é certo que a pandemia da Covid-19 incrementou o traballo, semella que “hai un déficit estrutural en todas as categorías” laborais que forman parte do cadro de persoal, de maneira que hai tempo que existe unha “sobrecarga”.

Por exemplo, cando se precisa unha limpeza constante, na residencia de Viveiro só quedan dúas persoas con esa tarefa pola tarde. Ademais, ocúpanse da lavandería e de atender os comedores.

Por outra parte, a empresa non responde ás peticións do comité, que engade que se está a “tardar varios días en cubrir as baixas” co conseguinte deterioro da atención ás e aos residentes.