Sanidade

Nova condena ao Sergas: O TSXG obriga a indemnizar con 120.000 euros unha muller que sufriu neglixencias no parto

Tribunal Superior de Xustiza da Galiza #tsxg (Foto: Nós Diario)
A muller sofre un dano neurolóxico irreversíbel, incontinencia, dor xenital e imposibilidade de manter relacións sexuais polo uso do fórceps durante o parto do seu segundo fillo.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de condenar o Sergas a indemnizar con 120.000 euros unha muller que sofre un dano neurolóxico irreversíbel, incontinencia, dor xenital e imposibilidade de manter relacións sexuais, así como afectacións leves motoras por mor do uso do fórceps durante o parto do seu segundo fillo.

Con iso, o alto tribunal galego revoga a sentenza ditada polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Ourense, que daba a razón á muller pero que fixaba a indemnización en 25.000 euros. A sentenza do xulgado ourensán, á súa vez, estaba orixinada nun recurso presentado pola demandante contra a resolución do Sergas, que denegou no seu momento mala praxe na súa asistencia.

A muller, do mesmo modo que no caso do tribunal ourensán, reclamaba da administración unha indeminización de case 300.000 euros polos danos permanentes sufridos como consecuencia da asistencia no parto, unha contía que o TSXG rebaixou até os 120.000 tendo en conta as afectacións concretas que sofre a demandante que, aínda que moi limitativas, non anulan do todo a súa capacidade.

Segundo recolle a sentenza, tras o parto, ocorrido no Complexo Hospitalario de Ourense o 5 de novembro de 2016, a muller "presentou un desgarro perianal que non foi reparado de forma satisfactoria", presentando na actualidade incontinencia fecal e de urina, incapacidade para manter relacións sexuais por dor intensa, dor xenital e trastornos sensoriais e motores do membro inferior dereito. As lesións, considera, foron ocasionadas "durante a asistencia ao parto vaxinal instrumental mediante a aplicación do fórceps".

Tal e como consta no informe médico, a muller, que tivera unha cesárea previa, púxose de parto o 5 de novembro. Durante o expulsivo, detectouse unha bradicardia, que fixo que os facultativos aplicasen ventosa para sacar o neno. Ao non funcionar este método, foi utilizado o fórceps. O bebé non sufriu lesións.

Con todo, desde o momento posterior ao parto a muller comezou a mostrar complicacións, como unha retención urinaria que fixo necesario sondala durante 48 horas. Desde a súa alta e durante os seguintes meses, a demandante consultou en varias ocasións distintos servizos —xinecoloxía, dixestivo, unidade da dor, neuroloxía...— por perdas de ouriños e incontinencia fecal, dores xenitais, dor "moi marcada" que "a incapacita para as relacións sexuais" e problemas motores leves na perna dereita.

As distintas probas que lle foron practicadas confirmaron "alteracións importantes da sensibilidade" compatíbeis cunha lesión no cono medular e, de feito, en 2018 a Seguridade Social concedeulle a incapacidade permanente absoluta pola súa situación.

Vinculación co parto

Entre outras cuestións, o TSXG basea a súa decisión no "vínculo causal" entre o parto instrumental e as lesións neurolóxicas, dado que a muller "non presentaba antecedentes médicos que puidesen condicionar esa lesión". Para o tribunal, as manobras realizadas durante o parto derivaron nun "anómalo e inusualmente grave resultado" en relación a "os riscos" que este comporta.

"O dano sufrido pola demandante tras o parto non se presentaba como unha opción posíbel, non constituía un risco propio do parto e tampouco se ofreceu pola administración sanitaria unha explicación razoada sobre o modo no que se produciu ese resultado", destaca a sentenza.

A paciente, que non presentaba lesións anteriores deste tipo, entrou ao hospital "asintomática e en bo estado" e saíu tras o parto "cun cadro neurolóxico grave que lle provocou secuelas irreversíbeis". Como consecuencia destes feitos, a paciente atópase a tratamento psicolóxico e psiquiátrico.