Unha nova avaría deixa en terra varias pasaxeiras de tren na Coruña

Un dos trens avariados este domingo (Foto: Nós Diario).
Renfe habilitou un autobús para as persoas con billete a Santiago no tren Rexional das 19.08 horas.

Non cesan os problemas para as viaxeiras da liña ferroviaria do Eixo Atlántico. O tren Rexional 12441 que debía partir ás 19.08 horas da estación da Coruña non puido partir con toda a pasaxe rumbo a Vigo-Guixar como estaba previsto, pois unha avaría deixou inutilizado un dos convois e non puideron embarcar as persoas con destino Santiago, para quen Renfe anunciou a mobilización de dous autobuses. Segundo puido saber Nós Diario, o primeiro deles partiu contra as 19.38h da cidade herculina, media hora máis tarde da hora estabelecida no billete e deixando aínda en terra varias persoas.

As e os pasaxeiros que se dirixían a outros destinos si puideron realizar o traxecto en tren, mais tamén cun notábel atraso na saída. Varias persoas con billete neste tren manifestaron o seu descontento en declaracións a Nós Diario: "Non é a primeira vez que pasa, e case non nos dan información de nada", lamenta unha pasaxeira.

Ademais, segundo se puido coñecer, Renfe ofreceu "á xente que teña moita présa" embarcar no tren Alvia das 19.35 horas, pero sen dar a opción de empregar o abono de transporte recorrente e demandando comprar o billete para estoutro tren.

Xornadas de caos ferroviario

A pasada semana tamén se viviu na Galiza unha xornada de caos ferroviario debido a un fallo eléctrico que impediu a entrada e saída de convois.

O administrador ferroviario, Adif, e a compañía Naturgy bótanse as culpas mutuamente da caída da tensión eléctrica na terminal herculina. Para o primeiro, a causa do caos desta mañá foi unha avaría da que responsabiliza a Naturgy; para os segundos, non existiu tal avaría e podería deberse á instalación eléctrica propia da estación.

Esta situación provocou que decenas de persoas chegasen cun notábel retraso aos seus postos de traballo ou que, mesmamente, non chegasen polo que as queixas contra Adif e Renfe sucedéronse ao longo da semana.