''O obxectivo non é facer negocio coa electricidade, senón consumir enerxía verde ao prezo máis baixo''

[Imaxe cedida polo entrevistado]

Conversamos con Pablo Álvarez, un dos promotores da cooperativa Nosa Enerxía, que xa dá os seus primeiros pasos no noso País. Procuran soci@s. Están convencid@s de que moitos peixes xuntos poden 'devorar' xigantes como Iberdrola ou Fenosa.


A subida do prezo da luz deu pé ao nacemento dunha alternativa en chave galega fronte a un sector que se caracteriza pola opacidade.

Pablo Álvarez, Ángel Montero, Serafín Valencia e Néstor Álvarez son os catro impulsores de Nosa Enerxía, unha cooperativa que trae á Galiza o modelo que funciona xa en Catalunya e Euskal Herría e que procura soci@s para se sumaren ás 70 con que xa conta. O obxectivo: rachar, desde a acción directa, co oligopolio enerxético. Tamén carrexará un aforro de até tres céntimos a respeito das comercializadoras habituais. 


Explíquenos como xorde a idea de crear unha cooperativa enerxética.

Nace hai algo máis dun ano e é unha iniciativa dun conxunto de persoas que teñen unha postura fronte á enerxía e os valores ambientais comúns que son opostos ao modelo que existe. Ese foi o berce xunto con internet, porque nos coñecemos on-line.

"É unha cooperativa que persegue democratizar o acceso á enerxía, fomentar a soberanía enerxética e poder consumir enerxía verde"

Esa postura común en que ideas concretas se materializa?

É unha cooperativa que persegue democratizar o acceso á enerxía, fomentar a soberanía enerxética e poder consumir enerxía verde, aquela que provén de fontes renovábeis. Tamén queremos levar adiante os nosos propios proxectos para difundir as fontes renovábeis e outro dos piares é a dinamización da sociedade cara á protección do medio ambiente.

O oligopolio da electricidade fixo subir un 75% o prezo da luz en 10 anos. Como se racha con isto?

Ao haber máis organizacións que estean no mercado no eido enerxético xa se abren máis opcións. Connosco o consumidor pasaría a ser propietario da cooperativa. Con Fenosa somos meros consumidores; se non somos accionistas non podemos dicir nada. Como acabar con ese oligopolio? Desde a propia acción de abandonar esas compañías eléctricas, que repercutirá no propio mercado. 

"O consumidor pasaría a ser propietario da cooperativa"

Entón xa é posíbel deixar de lle pagar a Gas Natural-Fenosa?

É, si. Aquí acontece igual que cos teléfonos móbiles. O mercado eléctrico é aberto e un pode mudar de comercializadora. Nós queremos combater o oligopolio pero non temos capacidade para saír da lóxica deste mercado.

Imaxina que é unha lonxa de peixe. Até agora o consumidor último ía mercar o peixe ao mercado de abastos, mais nós, como comercializadora, temos a capacidade de ir directamente á lonxa, reducindo o número de intermediarios. Cando baixan os prezos o que fan as grandes hidroeléctricas non o reducen porque teñen uns accionistas aos que hai que lles dar un beneficio. Buscan o lucro. Nós non fariamos iso. Os socios decidirían en asembleia a que prezo queren consumir a enerxía.

Reduciríanse as peaxes se tivesemos unha tarifa eléctrica galega?

A política enerxética é a nivel ibérico, entre Portugal e España. Galiza produce enerxía pero móvese dentro da regulación que se fixo a nível estatal, polo que non se pode crear unha tarifa enerxética galega. Agás no caso de que se tome o exemplo de 'R', que non emprega redes da liña eléctrica española. Mais nós non temos capacidade para iso porque é máis custoso e seguramente habería regulación política igualmente.

"O prezo da luz sobe por impostos meramente recadatorios e que só procuran o beneficio das grandes empresas"

Olla. A enerxía a día de hoxe está regalada. Os muíños de vento móvense a pleno rendemento e os encoros están cheos de auga. Por que soben logo os prezos? Polas compoñentes regulatorias: impostos por isto, peaxes por isto outro... Son meramente recadatorias e só procuran o beneficio das grandes empresas.

O Estado español é o terceiro coa enerxía máis cara de entre 30 países europeos. Por que?

Porque no 'boom' do tixolo o que aconteceu foi que aumentou a demanda de enerxía. Cando fas deporte queimas máis calorías. Que acontece? Que despois para te recuperar necesitas comer e beber máis. No Estado español o que non se quería era prexudicar ese crecemento económico e que as empresas tivesen que pagar a enerxía que consumían.

O que se fixo foi cancelalo. A débeda foi engordando e as eléctricas pasáronlla aos bancos. Os bancos vendérona a outros países e a outros bancos de tal maneira que igual o défice eléctrico español está agora en bonos chinos, por exemplo. O condicionante principal foi ese: a nula capacidade que tivo o Estado español de apostar nun desenvolvemento sostíbel. O que nós queremos é ese desenvolvemento sostíbel, non un capitalismo verde: producir o que a xente consome e nada máis.

É verdade que do que pagamos no recibo da luz unicamente 19€ van para as eléctricas, como dixo Iberdrola?

Iberdrola di a parte que lle interesa. Esta empresa é comercializadora e produtora, coma Nosa Enerxía. Se imos á lonxa imos como compradores, como comercializadores. Iberdrola tamén ten os barcos para faenar no bar. Logo recibe beneficios na factura da luz pero tamén por vender a enerxía no mercado. 

"Temos tamén a idea de colocar paneis solares nas explotacións agrogandeiras para aforrar no equipamento necesario para a produción de leite"

Como faría para me desconectar de Gas Natural-Fenosa?

Tes que achegar o capital social, de 100 euros reembolsábeis se te das de baixa. Entón pasas a ser socia cos teus dereitos de participación e poderías consumir os servizos. O primeiro sería ofertar a electricidade até 10 quilowatts. Os beneficios desta cooperativa vanse invertir na propia sociedade galega apoiando as renovábeis e o desenvolvemento sostíbel.

Máis adiante axudaremos á instalación de paneis fotovoltaicos nos fogares para que cadaquen produza a súa propia enerxía e tamén contar co apoio de gandeiros e comuneiros. Pensamos colocar tamén paneis solares nas explotacións agrogandeiras para aforrar no equipamento necesario para a produción de leite. O noso obxectivo non é facer negocio ao redor da electricidade para vivirmos coma os demáis, senón consumir enerxía verde ao prezo máis baixo posíbel.