"A dispersión é unha condena que, ademais do preso independentista, pagan familiares e amizades"

Esta fin de semana varios auto-carros partirán de Galiza con destino a cárceres españois con presos independentistas para, por un lado, denunciar a política de dispersión e, por outro, levar “solidariedade”.

 

Na noite desta sexta feira ao sábado varios auto-carros partirán de Galiza con destino a cadeas españolas onde presos independentistas cumpren condena ou ben están á espera de xuízo. É a ‘Marcha ás Cadeas’ que organiza ‘Que Voltem para a Casa’ e que neste 2015 cumpre a súa novena edición. Cristina Rodrígues fai parte deste colectivo de familiares, amizades e solidari@s que traballa para que @s pres@s “voltem á Terra”. Rodrígues destaca que en cada edición aumentan os apoios e implicación na iniciativa e cita o “éxito” da campaña de ‘crowdfunding’ impulsada hai semanas para lograr financiamento co que facer fronte aos custos da Marcha. Ou o éxito tamén da campaña de persoas gravándose pequenos vídeos para chamar a participar na Marcha ás Cadeas. Músicos como Mini e Mero ou Dakídarria, familiares, concelleiras, representantes de movementos políticos e sociais, de sociedades culturais... sumáronse a esta iniciativa nas redes sociais.

Este ano o lema é ‘2015: remata com a disperssom, traze-l@s para a casa!’, toda unha declaración de intencións. “Queremos informar polo miúdo á xente do que é a dispersión, do que isto supón, socializar os custos e prexuízos que representa non só para o preso, senón para os seus familiares e amigos”, explica Cristina Rodrígues a Sermos Galiza. “A dispersión é unha pena imposta a familiares e amigos dos presos independentistas”, resume. Resalta que a demanda de que os presos independentistas sexan trasladados a Galiza é totalmente plausíbel e depende só de que haxa vontade política: "Iso que pedimos está na lexislación, o que pedimos é tan simple como que se cumpra a lei”. A dispersión, asegura para concluír, é unha política que o Estado español está a practicar contra a súa propia lexislación e pasando por riba de "acordos e tratados internacionais”.

"Iso que pedimos está na lexislación, o que pedimos é tan simple como que se cumpra a lei”

Nestes nove anos de ‘marchas’ houbo variacións de calado, tanto na iniciativa (“triplicamos a asistencia, a xente cada vez é máis sensíbel con esta causa e se implica máis”) como na situación das e dos presos independentistas: “A raíz de que se estableceu que existe unha organización terrorista aplícanse penas desproporcionadas, acentúase a represión sobre o movemento independentistas...”.

Denunciar e solidarizarse

Cristina Rodrígues explica que a `Marcha às Cadeas´ ten 2 finalidades básicas: denunciar aquelas situacións de vulneración dos dereitos dos presos independentistas e trasladarlles unha mensaxe de ánimo e solidariedade desde Galiza até as cadeas. Recoñece que teñen a ilusión “de que non haxa máis Marchas, porque iso significaría que non hai motivos para facelas”. Mais, afirma, mentres existan presos independentistas, haberáas. “Non importa o lonxe que estean, alí iremos. Non imos esquecelos”.

Tres columnas

A Marcha estará formada por tres columnas: Columna sur: parte de Pontevedra, con paradas en Vigo e Ponteareas. Este autobús dirixirase ao Centro Penitenciario de Villanubla, Valladolid, onde se atopa Roberto Rodríguez, a 431 km. Columna centro: partirá de Compostela e vai ao centro penitenciario de Ocaña, Toledo, onde está Eduardo Vigo, a 680 km. Columna norte: partirá de Coruña, facendo paradas en Ferrol, Lugo e Ourense, destino centro penitenciario de Dueñas, Palencia, centro no que se atopa Antom Santos, a 480 km.

Por último, as tres colunas xuntaranse, a primeira hora da tarde, diante da prisión de Mansilla de las Mulas (León), a 350 km., prisión na que se atopan Maria Osório e Raul Agulheiro.