"A nosa detención non foi aleatoria, responde á estratexia de criminalización da mocidade"

[Imaxe: GZ-Vídeos]

Após saíren en liberdade con cargos, @s 6 detid@s afrontan unha acusación por supostos delitos de "desordes públicas", "danos ao mobilizario urbano" e "atentado".

 

A A.B. detivérona mentres camiñaba pola rúa. Na céntrica Praza de Galiza, en Compostela, arredor das 15.45h do 7 de abril. "Veu un coche da policía española, baixaron dous axentes e pedíronme a documentación", sinala unha das detidas a pasada segunda feira en conversa con Sermos Galiza. Após identificala "detivéronme e leváronme á comisaría", onde permaneceu até pasadas as 12.00 do mediodía do día seguinte. 

No momento do seu arresto a policía española sinaloulle que respondía á súa participación nos incidentes acontecidos o 11 de marzo na capital galega con motivo da manifestación convocada polos mariñeiros da frota do cerco. 

"Estabamos moi sorprendidas"

"Estabamos moi sorprendidas", sinala en relación ás acusacións que se lles imputan, "porque todas eramos mozas de entre 18 e vinte e pico anos", acrecenta. De feito, apunta A.B. "nen sabiamos con que incidentes nos relacionaban" pois "eu ese día estaba en aulas". 

Esta estudante, segundo as fontes policiais consultadas e as afirmacións deitadas pola xustiza após pasaren a disposición xudicial, aparecía retratada xunto coas outras 6 persoas detidas, "en vídeos" e "imaxes" difundidas polos medios de comunicación. "Ensináronlle os vídeos á miña avogada" explica, "e as probas estaban tan collidas con pinzas que nen sequer me estaban a identificar a min senón a unha muller con coleta" que, afirma, "non era eu". 

Estratexia de "criminalización" e "desmobilización"

Para esta moza as probas eran "febles" e a maior parte das imaxes que constitúen as probas xudiciais "estaban tiradas desde o alto, polo que non se ven ben". Aliás, enfatiza, "resulta irónico que as detidas sexamos todas mozas" e non haxa "ningún mariñeiro que eran os protagonistas da manifestación". Neste senso, A.B. amósase certa de que o seu arresto e o das 5 moz@s máis "non foi aleatoria" senón que "responde a unha estratexia de represión e criminalización da mocidade", unha campaña, di, que ten por obxectivo "a desmobilización" da "clase traballadora" no seu conxunto, toda vez que está a aumentar de maneira notábel a resposta social ás políticas dos gobernos. 

Após a súa posta en liberdade, foi a primeira en abandonar a comisaría, A.B. enfronta xunto c@s demais deitd@s un proceso xudicial por supostos delitos de "desordes públicas", "danos", "lesións" e mesmo "atentado". Acusacións que tamén afrontan menores de idade de Vigo por tomaren parte na folga estudantil do 20 de febreiro. 

"Se non toma a medicación non vai morrer"

Inquirida polo trato recibido durante a súa estancia nas dependencias policiais, A.B. salienta a actitude dos axentes responsábeis da súa custodia que mesmo se mofaron da súa doenza. É asmática e precisa da súa medicación que cando foi detida non portaba. "Leváronme ao médico e dixéronlles que non podían suministrarme alí a medicación". Entón os policías aseguraron que "se non a toma non vai morrer", relata. Após apuntar a gravidade da doenza foi unha compañeira a que lle achegou o inhalador á comisaría. 

"Durante todo o recoñecemento médico tivéronme esposada" e mesmo "berraban entre eles, comigo e coa médica" que rematou, explica, "por pedirlles que se calmaran". Despois diso, di, "o trato foi bastante bo" se ben, indica, "algunha das compañeiras detidas contaron que "foran detidas de maneira violenta, con empurróns mesmo despois de seren esposadas".