Por que nos sorprende a vacina rusa Sputnik V?

Un traballador da saúde na Arxentina amosa unha das doses da vacina rusa contra o coronavirus Sputnik V (Foto: Alan Monzon / ZUMA Wire)
Este episodio, sen dúbida, servirá para devolver o respecto cara a unha ciencia que no seu momento serviu de exemplo ao mundo coa carreira espacial, e que vai camiño de recuperar o seu prestixio internacional con esta vacina de nome tan apropiado para a ocasión.

Estes días asistimos á publicación na prestixiosa revista The Lancet dos resultados do ensaio clínico da vacina rusa Sputnik V. Causaron gran balbordo, xa que sitúan a vacina como unha das máis prometedoras do mundo. Colleunos por sorpresa. Aquí trataremos de analizar por que este evento resultou tan inesperado no mundo occidental.

Peculiaridades da ciencia rusa

A ciencia actual rusa é herdeira da soviética e posúe características peculiares. Na Unión Soviética, a ciencia era unha das actividades máis prestixiosas. Os científicos estaban na parte máis alta da pirámide social, eran moi respectados, posuían certos privilexios comparados con outras profesións e caracterizábanse pola súa gran vocación e patriotismo.

Como conta o historiador Nikolai Krementsov no seu imprescindíbel libro Stalinist  Science, a ciencia soviética que se fraguou durante o estalinismo estaba moi enfocada cara a cuestións prácticas e funcionaba como unha ferramenta en mans do Estado, con grandes centros e institutos moi xerarquizados, financiados e xestionados directamente polo Goberno e controlados polo Partido Comunista.

Neste ambiente, os científicos non necesitaban preocuparse por burocracias nin por publicar os seus resultados en revistas internacionais. Deste modo, o país tiña unha elite intelectual formada polos mellores cerebros. Eran persoas que dedicaban todos os seus esforzos a construír modelos, obter resultados e, na esfera biomédica, a curar enfermidades. Publicar era secundario. Aínda que moito disto cambiou desde que se disolveu a Unión Soviética, é lóxico que queden inercias e contrastes coa ciencia do resto do mundo.

Onde se desenvolveu a vacina?

O Instituto Gamaleya de Investigación en Epidemioloxía e Microbioloxía, onde se desenvolveu a vacina  Sputnik V, fundouse de modo privado en 1891 e foi nacionalizado en 1919. A data da fundación -é un dos centros de investigación máis antigos de Rusia- mostra a gran tradición da  epidemioloxía e a  microbioloxía rusas. Actualmente trátase da institución máis importante do país no ámbito da  epidemioloxía e conta cunha sede en Moscova e nove centros asociados. Del depende o Departamento de Enfermidades Infecciosas da Primeira Universidade Médica Estatal de Moscova, a máis antiga e importante escola de medicina do país. 

O Instituto Gamaleya produciu xa varias vacinas. Destacan unha contra o Ébola e outra contra o MERS, mais non se chegaron a publicar en prensa internacional. A razón -á parte, quizais, da inercia da época soviética, en que non se publicaba tanto- foi que as dúas epidemias acabaron bruscamente. Pero os científicos rusos acumularon importante experiencia que agora lles resultou moi útil.

En que consiste a vacina  Sputnik V?

Trátase dunha vacina baseada nun adenovirus, un tipo de virus que xa se utiliza en terapia xénica e outras vacinas e que adoita producir infeccións leves como o arrefriado común. O material xenético deste adenovirus manipúlase para que non cause infección e para incluír a información dunha das proteínas do virus contra o que queremos protexer coa vacina. Ao introducirse este adenovirus modificado nas células, estas producen a proteína “extra”, neste caso a proteína S de SARS-CoV-2. O sistema inmune da persoa que foi vacinada recoñece esa proteína como estraña e lémbraa. De esa persoa infectarse co SARS-CoV-2, o sistema inmune destruirá os virus, impedindo o desenvolvemento da enfermidade.
O problema é que o noso sistema inmune tamén desenvolve anticorpos contra os propios adenovirus, polo que se adoita administrar só unha dose e a eficacia diminúe. Xa sabemos que unha segunda dose reforza a resposta inmune. Deste tipo, “monodoses”, é a vacina de Johnson & Johnson que será aprobada proximamente.

Para desenvolver a vacina de AstraZeneca, aos investigadores da Universidade de Oxford ocorréuselles utilizar un adenovirus de chimpancé co fin de que o corpo humano non ataque o adenovirus. Por iso, desta vacina si se poñen dúas doses.

Pois ben, os investigadores do Instituto Gamaleya tiveron unha idea distinta para poder administrar dúas doses da vacina: utilizar dous tipos distintos de adenovirus humanos, un para cada dose. O traballo é dobre, pero pódense administrar dúas doses e, ademais, o adenovirus vai funcionar mellor ao ser humano e non de chimpancé. E, como ocorreu, a eficacia resulta moi alta, superior a calquera das outras vacinas de adenovirus que temos até o momento.

A razón da desconfianza

Entón, por que desconfiamos todos até o de agora da vacina rusa? Simplemente, porque nos faltaba información. Só ao publicárense os datos da fase III dos ensaios clínicos tivemos toda a información na nosa man. Esa información, accesíbel para a súa revisión e discusión, marca o disparo de saída para solicitar a autorización dos organismos reguladores e comezar a campaña de vacinación. Con todo, en Rusia e noutros países están xa desde hai meses administrando a vacina Sputnik V. Por iso precisamente en Occidente desconfiábase: como vacinar sen saber se a vacina é segura e eficaz? E, ademais, descoñecíamos que en Rusia se desenvolveron anteriormente vacinas de características similares contra o Ébola e o MERS.

Como xa alertábamos nun artigo anterior, parece ser que pecamos de suspicacia e que o problema coa vacina rusa era falta de información, e non algún fallo intrínseco da vacina. O xustificado escepticismo sae pola porta se a boa ciencia entra pola xanela.

Este episodio, sen dúbida, servirá para devolver o respecto cara a unha ciencia que no seu momento serviu de exemplo ao mundo coa carreira espacial, e que vai camiño de recuperar o seu prestixio internacional con esta vacina de nome tan apropiado para a ocasión.

Este artigo foi publicado orixinalmente en The Conversation ES.