CONVOCAN UNHA MANIFESTACIóN ESTE SáBADO

''Que nos pidan desculpas'': emigrantes retornados chaman a rodear a Xunta

Manifestación Emigrantes Retornad@s

A Coordenadora Galega de Emigrantes Retornados convoca unha manifestación para este sábado para demandar unha regulación ‘’clara e precisa’’ das súas pensións. A protesta finalizará cun acto perante San Caetano.

 

A Coordinadora Galega de Emigrantes Retornados, xunto con 20 plataformas comarcais, convocan para este sábado 21 de marzo unha gran manifestación en Compostela , mobilización “onde reclamaremos a equiparación da presión fiscal independentemente da existencia de un ou mais pagadores, un marco homoxéneo para todas as pensións, ou a modificación do marco actual no sentido de evitar a retroactividade tanto en relación coas persoas que xa tributaron por rendas percibidas en exercicios anteriores durante o ano 2013 e 2014, como para as que están pendentes de tributar todas as rendas desde o exercicio 2010 durante este período extraordinario de regularización”. Para a Coordenadora, a lexislación aprobada nos últimos meses mantén “graves deficiencias”.

A emigración galega retornada demanda que a Axencia Tributaria “aborde unha regulación legal clara e precisa sobre a tributación das pensións dos emigrantes retornados, partindo do principio de non discrimación respecto da tributación doutras pensións” e o recoñecemento de oficio das pensións de Invalidez, recoñecidas, nos países de procedencia.

A manifestación rematará nos edificios de San Caetano, da Xunta de Galiza, "onde os emigrantes retornados rodearemos os edificios como un acto simbólico co que queren dignificar a loita da emigración galega retornada ante o roubo da Axencia Tributaria do PP e reclamar un trato xusto e igualitario das súas pensións, así como nos pidan desculpas e devolución da honra aos emigrantes retornados”.