‘Nós Mesmas’ denuncia ante a Valedora “transfobia” nalgúns rexistros civís á hora de cambiar a mención ao sexo no DI

Consideran que as persoas trans ven vulnerados os seus dereitos.

“As persoas trans seguen sometidas á vontade de quen as atende”. Así o manifesta a través dun comunicado a Asociación Nós Mesmas, colectivo feminista de defensa dos dereitos das mulleres LBT, que decidiu denunciar ante a Valedoría do Pobo “a forma de proceder transfóbica dos Rexistros Civís ante a solicitude de cambio á mención ao sexo do DI”.

Lamentan que as persoas trans teñan que seguir no día a día enfrontándose “a situacións que vulneran, incluso, os escasos dereitos que están recollidos na lexislación”.

"Nos últimos meses”, comenta Elisabet Pérez, representante e educadora social en Nós Mesmas, “recibimos varias solicitudes de apoio de mulleres trans que reciben citacións para ser recoñecidas polo médico forense para o cambio da mención ao sexo no seu DNI cando xa cumpren os requisitos establecidos na lei para realizar o cambio. Esta solicitude é totalmente arbitraria, dependendo unicamente da vontade da persoa responsábel do Rexistro, e está a acontecer en varios Rexistro Civís de Pontevedra"

A lei actual é clara, explica Nós Mesmas, e establece que para o cambio á mención ao sexo, “deberán aportar informe psicolóxico de disforia de xénero, estábel e persistente no tempo e informe de tratamento médico, por doutor ou doutora colexiada, que certifique que a persoa leva, mínimo, dous anos, con tratamento para adecuar as súas características físicas”. 

Lamentan que as persoas trans teñan que seguir no día a día enfrontándose “a situacións que vulneran, incluso, os escasos dereitos que están recollidos na lexislación”

Estes requisitos, denuncian desde Nós Mesmas, así como fan todas as entidades e colectivos LGTBI e trans, son “patoloxizantes, ignoran a autodeterminación do xénero, poñendo en risco a saúde das persoas trans e imposibilitando a súa inserción social e laboral, de aí a urxencia de verse aprobada a Lei Integral Trans estatal que elimine estes requisitos arcaicos”. 

"A pesar do cumprimento destes requisitos, continúa Elisabet, o Rexistro Civil de Vigo e de Ponteareas continúa a solicitar máis probas e, sen ningunha explicación nin xustificación legal, cita as persoas trans que solicitan esta modificación en medicina forense no Imelga para que acredite a súa condición. Este trato é denigrante, vulnera todos os dereitos das persoas trans e sitúaas nunha situación de indefensión e desprotección máxima"

Desde Nós Mesmasindican que, despois de intentar cambiar esta situación mediando cos Rexistros Civís de Vigo e Ponteareas, “sen éxito e no prazo tan corto de tempo antes das citas no Imelga”, decidiu presentar unha denuncia sobre esta situación ante a Valedoría do Pobo.