JUNE FERNáNDEZ, COORDENADORA DE PíKARA MAGAZINE

“Nos medios permean cada vez máis os enfoques feministas, fica pendente a transversalidade”

June Fernández

Entrevistamos a xornalista vasca e falamos con ela sobre medios de comunicación e xénero.

June Fernández é xornalista e unha das coordenadoras de Píkara Magazine. Aproveitando a súa visita a Galiza para presentar os cadernos monográficos que veñen de editar e a terceira edición do anuario conversamos con ela na Libraría Lila de Lilith (Compostela) sobre feminismos, perspectiva de xénero e medios de comunicación. 

Como nace Pikara magazine? Como xorde o proxecto?
As fundadoras de Pikara até 2010 participábamos na Rede Internacional de xornalistas con perspectiva de xénero. Un espazo no que as xornalistas reflexionamos através dunha listaxe de correo [electrónico] e en encontros sobre como incorporar a perspectiva de xénero nos nosos medios, non necesariamente feministas. Temas como o uso non sexista da linguaxe, o tratamento da violencia machista ou como facer un xornalismo non androcéntrico. Comezamos a sentir a necesidade de crear un espazo propio no que non tivesemos xefes limitándonos ou cuestionando a nosa maneira de facer xornalismo. Probas novas formas de informar con perspectiva de xénero. En 2010 montamos Pikara. Ao comezo eramos 4 xornalistas vascas ás que, aos poucos, se incorporan outras coñecidas. 

Comezamos a sentir a necesidade de crear un espazo propio no que non tivesemos xefes limitándonos ou cuestionando a nosa maneira de facer xornalismo

Un dos trazos de Pikara é que nela conflúen distintas perspectivas feministas. Tiñades vontade de que fose un espazo de confluencia, de debate...
Acho que ao comezo nos marcábamos 3 grandes obxectivos. Primeiro demostrar que é posíbel facer un xornalismo de calidade con perspectiva feminista. Segundo achegar o feminismo a un público amplo, non orientada unicamente ao debate entre feministas. E en terceiro lugar que fose percibido como un espazo diverso e inclusivo, un punto de encontro entre feministas diversas. Nacimos nun punto no que era moi evidente que a pluralidade entre distintos puntos de vista a miúdo provocaba desencontros. Apetecíanos que nun mesmo espazo conversen as académicas coas anarquistas, as queer coas da igualdade. Interésanos que a xente que ten perspectivas diferentes dialogue nun espazo tranquilo. 

Houbo conflitos ao longo deste tempo? Lembro a polémica por un artigo a respeito do pracer vinculado á maternidade...
Foi a respeito de Relatos marranos. Unha obra de relatos sobre sexualidades non normativas desde o transfeminismo. Propuxéronnos publicar algúns dos capítulos en Pikara. Eliximos o de Maria Jopis e Belén Torres sobre a experiencia da maternidade e o vínculo erótico que se pode estabelecer nela. Apoiabamos ese texto mais quizais ficaba descontextualizado, non se comprendía que facía parte dunha antoloxía de sexualidade. Houbo unha onda de comentarios de persoas escandalizadas mais acho que a xente que nos odia o usou como pretexto para nos danar. Acusábannos de fomentar o abuso infantil, iso si que nos asustou. Mais despois viuse que era todo ruido. 

Sempre dixemos que nos interesa ser incómodas. Incomodar a xente de moral tradicional mais tamén a nós propias

Continúa a ser molesto tratar determinados temas, nomeadamente aqueles que non se focan desde perspectivas normativas?
Sempre dixemos que nos interesa ser incómodas. Incomodar a xente de moral tradicional mais tamén a nós propias. O tema da maternidade é o xera reaccións máis virulentas e iso é unha cuestión para reflexionar. Cada vez que publicamos textos sobre discursos anti-maternais, o dereito a non ser nai ou o tabú da nai má, das mulleres que mesmo se arrepinten. É un tema que incomoda moito. Outro de Beatriz Gimeno sobre se é compatíbel ser feminista e ter traballadora doméstica, queremos que reflexionen sobre os elementos de clase e de xénero que isto implica. 

Falas de Beatriz Gimeno, tedes colaboradoras de todo o Estado español. Como vos organizades?
A verdade é que en Pikara é todo máis espontáneo e caótico do que a xente cre [ri]. Desde novembro temos unha redacción, por fin, aí estamos Andrea e eu que somos as coordenadoras. Logo hai un colectivo editor con outras 7 compañeiras que son as que de maneira voluntaria asumen responsabilidades, como a xestión das redes sociais, por exemplo. Aí é onde se toman as decisións. Ademais consolidáronse unha serie de colaboradoras habituais que escriben unha vez ao mes. Aliás, achégasenos moita xente através do correo electrónico. Temos unha sección de libre publicación que se chama Participa. 

Tedes unha parte de restitución da historia das mulleres. De feito o xornalista galego Carlos Bouza escribe moito sobre mulleres e música. Era un dos vosos intereses era construír a herstory, o relato histórico das mulleres?
Foi unha aposta desde o comezo. Tamén había a sección Transgresoras de biografías de mulleres que ao longo da historia racharon cos mandatos de xénero. A última foi Gerda Wegener, a protagonista de The danish girl. Mar gallego plantexa unha crítica ao filme porque nel aparece como unha muller heterosexual que ten que asimilar que o seu marido sexa unha muller, cun sacrificio moi grande, mais Mar cóntanos que Gerda era unha muller lesbiana e que ademais pintaba arte erótica lésbica. Tentamos resgatar historia de xente que moitas veces é anónima. A respeito de Carlos Bouza, tendemos a pensar que perspectiva de xénero é falar de mulleres mais unha liña moi importante é sacar a herstory de mulleres esquecidas e borradas da historia. Con Carlos o diálogo que tivemos foi que non se fechase a falar tamén de músicos homes ou persoas transxénero que se caracterizasen polo seu compromiso feminista ou por ter rachado cos mandatos de xénero e sexualidade. Gostei moito do que escribiu sobre Antony and The Johnsons, de facto o seu grupo chámase así por Marsha P. Johnson, unha das travestis que participou nas revoltas de Stonewall, polas que se conmemora o Día do Orgullo o 28 de xuño. Ou o texto de Kurt Cobaine e a súa loita contra a homofobia e o machismo. 

Precisamos que nas seccións de Economía, Internacional, Deportes, mude a ollada, incorporar o protagonismo das mulleres

Falando desa outra perspectiva, os medios de comunicación temos unha grande responsabilidade. Cómpre incorporar a perspectiva de xénero na imprensa xeralista?
Para nós son dous traballos paralelos. Sentiamos a necesidade de crear medios non especializados, porque Pikara tamén é xeralista, falamos de todo, o especial é a ollada. Mais medios nos que o compromiso sexa moi claro e radical. Acho que cando criticamos o papel dos medios hexemónicos non pomos en valor o traballo das compañeiras feministas para informar doutra maneira. Temos unha compañeira en Pikara que traballa no programa de Mariló Montero, en TVE. Están a loitar moito por informar ben da violencia machista ou introducir temas que normalmente non se abordan desde estes medios. En Euskadi están a contar con nós en espazos de formación a xornalistas. É un camiño moi lento porque o xornalismo non se traballou moito a formación continua. A chave está en crear procesos nos que os propios xornalistas sexan protagonistas. Con Argia e EiTB participamos en xornadas nas que o cadro de persoal reflexionaba sobre as limitacións que atopaban para informar doutra maneira, por onde deberían tirar e que mínimos facer extensíbeis a todo o cadro de persoal. 

A pasada semana asinouse en Euskadi, ao abeiro do Goberno vasco, un código para unha comunicación non sexista. É unha declaración de intencións ou visa mudar o tratamento informativo realmente?
Asinar acordos creo que é positivo sobre todo para comprometer os medios asinantes e despois poder pedirlles contas, sobre todo se o goberno ten un rol forte aí. En Euskadi o medio con máis forza é El Correo e directamente non asina nen participa destes espazos. Xeralmente os que participan son os medios que xa parten dunha reflexión e dun compromiso previo. Nos xornais estase a avanzar ao incorporar na sección de Sociedade cada vez máis debates sobre igualdade. Son optimista porque nos medios permean cada vez máis os enfoques feministas mais a grande tarefa pendente é a transversalidade. Acontece que en Deportes un futbolista é denunciado por violencia machista e un xornal de grande tirada titula semanas despois 'Rubén maltrata o Valladolid'. Non ter xornalistas nestas seccións con formación en perspectiva de xénero implica ler auténticas barbaridades. Precisamos que en Economía, Internacional, Deportes, mude a ollada, incorporar o protagonismo das mulleres e que se inclúan outro tipo de temas. 

Se só nos fixamos nos asasinatos machistas non estamos a entender nada

Estades a presentar o terceiro anuario, ampliades as páxinas, vai collendo máis forza Pikara?
A revista en papel foi curiosa. Tiñamos medo ao comezo pola parte económica, porque é máis cara e porque se cre que a xente xa non quere ler en papel. Mais realmente foi algo que pulou moito polo proxecto. De facto organizamos crowdfundings para financiala e sempre nos sobra diñeiro. Aliás, sérvenos para nos pór cara nas presentacións ou para cousas tan curiosas como que unha concelleira da coligazón de esquerdas de Bilbo [UdalBerri] a entregase ao ministro de Xustiza na visita ao concello. 
Agora tamén estamos a presentar os monográficos. Parten da idea de que hai quen usa os textos de Píkara como recursos didácticos, por exemplo, para obradoiros sobre consentimento, sexualidade, agresións sexuais... Sacamos polo de agora dous libros, unha análise sobre o tratamento mediático da violencia machista e outro Cara B. Violencias normalizadas e silenciadas que aborda as violencias contra persoas LGTBi, acoso telefónico ou de rúa... Amosar que se só nos fixamos nos asasinatos machistas non estamos a entender nada.