'Nós Diario' participa nos actos polo 25 aniversario do xornal 'dBalears'

Detalle da mesa de poñentes. De esda a dta, Aina Vives, Vicent Partal, María Obelleiro e Martxelo Otamendi. (Foto: Nós Diario)
A directora de 'Nós Diario', a xornalista María Obelleiro, tivo oportunidade de debater sobre as linguas nos medios de comunicación con seus homólogos en 'Berria' e 'VilaWeb', Martxelo Otamendi e Vicent Partal, respectivamente.

O Diari de Balears -agora identificábel como dBalears- chega neste 2021 aos 25 anos e para conmemorar esta data promove unha serie de actividades entre as que destacan as xornadas sobre o futuro da comunicación que decorren esta fin de semana e que contan coa participación de representantes de diferentes medios, como é o caso da directora de Nós Diario, María Obelleiro.

O Es Baluard Museo de Arte Contemporáneo de Palma acolleu na mañá deste sábado o debate ‘Globalización, linguas e medios de comunicación’, no que participaron a propia responsábel de Nós Diario, que tivo oportunidade de conversar co director de Berria, Martxelo Otamendi, e o director de VilaWeb, Vicent Partal.

Baixo a moderación da xornalista de Última Hora e dBalears Aina Vives, os tres dirixentes que comparten a sección de misivas cruzadas Galeusca analizaron os diferentes papeis da lingua nos seus medios e como ven o futuro dos medios de comunicación.

Na súa intervención, a directora de Nós Diario puxo o foco nas “linguas minorizadas” e na necesidade de que estas “gañen espazo nos medios de comunicación”.

A este respecto, destacou que “dado que son axentes sociais, contribúen a dotar de prestixio e difusión e a normalizar os idiomas propios”.

Obelleiro puxo como exemplo a propia historia de Nós Diario, dado que o seu nacemento “rachou unha anormalidade flagrante” que era o feito de que non existira “ningún xornal diario en papel en galego”. Ao tempo, subliñou a iniciativa de máis de tres mil persoas que “fixeron realidade o diario”.

Rematada a intervención de Partal, Otamendi e Obelleiro, estaba previsto o comezo doutra sesión baixo o título 'O futuro da radio e a dixitalización dos medios de comunicación'.