Xornalismo

'Nós Diario' organiza un coloquio cos directores de 'Berria' e 'VilaWeb' sobre o panorama informativo nas nacións sen Estado

María Obelleiro (Nós Diario), Vicent Partal (VilaWeb) e Martxelo Otamendi (Berria), nun encontro organizado polo xornal catalán en setembro.
O encontro está aberto ás persoas subscritoras e colaboradoras e decorrerá o sábado 5 de novembro na Nave de Vidán (Compostela).

A empresa editora de Nós Diario, Sermos Galiza S.A., prosegue os actos de celebración por mor do seu décimo aniversario o próximo sábado 5 de novembro, cando decorrerá unha conversa-debate sobre "a realidade do panorama informativo nas nacións sen Estado".

No encontro participarán a directora deste xornal, María Obelleiro, e os seus homólogos no euskaldún Berria e o catalán VilaWeb, Martxelo Otamendi e Vicent Partal, e comezará ás 11.30 horas na Nave de Vidán (Compostela).

O acto está aberto a persoas subscritoras e colaboradoras de Nós Diario de forma totalmente gratuíta, mais para solicitar a asistencia é preciso inscribirse previamente, por cuestións de capacidade do local, enviando un correo electrónico a subscricion@nosdiario.gal.

Vicent Partal (Bétera, País Valencià, 1960) é director e cofundador do diario en catalán VilaWeb. Tamén traballou en El Punt, El Temps, La Vanguardia, Catalunya Ràdio e TVE, entre outros medios, e na actualidade é colaborador deste xornal e de Berria, Avui e El 9 Esportiu.

Considerado un dos pioneiros da internet nos Països Catalans, é especialista en política internacional e xeopolítica, alén de autor de libros como La revolta nacionalista a l’URSS ou Llibreta de Pequín. Partal foi galardoado con premios como o Ciutat de Barcelona de Periodisme, o Premio Nacional de Periodismo, o Premio Nacional de Internet ou o Premio Valenciano do Ano.

Martxelo Otamendi (Tolosa, Euskadi, 1957) é director do diario euskaldún Berria. Profesor de euskera no euskaltegi de Tolosa, comezou a súa traxectoria xornalística en Egin, como colaborador, e continuouna na televisión pública Euskal Telebista (ETB).

Dirixiu Egunkaria até que foi clausurado pola xustiza española en 2003, maís foi absolto pola Audiencia Nacional após ser acusado de pertenza a organización terrorista no marco do 'Caso Egunkaria'. O Tribunal de Dereitos Humanos Europeo condenou o Estado español por non investigar as torturas denunciadas polo xornalista vasco. Colabora a día de hoxe con Nós Diario e VilaWeb.

María Obelleiro, Martxelo Otamendi e Vicent Partal colaboran mutuamente a través do 'Galeusca de directores', unha tribuna de opinión que se publica cada fin de semana de forma conxunta en Nós Diario, Berria e VilaWeb.