Semana da Prensa na Escola

'Nós Diario', fonte de coñecemento e inspiración nas aulas de Xanceda

Alumnado do CPI de Xanceda, en Mesía, comarca de Ordes, traballan con 'Nós Diario' nas aulas. (Foto: Nós Diario).
O CPI de Xanceda, en Mesía, comarca de Ordes, conta cunha subscrición anual a Nós Diario que achega o xornal en papel de forma recorrente aos catro cursos da ESO. Docentes e alumnado recoñecen na prensa escrita unha ferramenta esencial para a adquisición de competencias chave.

O potencial da prensa como recurso educativo fica fóra de toda dúbida para o equipo docente do CPI de Xanceda. "Empregar o xornal nas aulas supón a posta en funcionamento dunha metodoloxía activa e integradora que esperta o interese do alumnado e permite traballar todas as áreas curriculares, así como a adquisición das competencias clave", destaca a Nós Diario Elena Pérez, profesora de Lingua Galega en 1º e 2º da ESO.

A lei educativa actual alenta a análise das producións propias dos medios de comunicación en distintos apartados, aclara a docente, "pois resulta prioritario desenvolver situacións de aprendizaxe dende un contexto próximo ao noso alumnado".

Pensamento crítico

Neste sentido, a prensa escrita ofrece contidos fundamentais para a construción do propio coñecemento e do pensamento crítico, sinala Elena Pérez, "polo que buscamos integrar o traballo cos textos xornalísticos nos contidos dos diferentes bloques curriculares e  subscrición anual do centro a Nós Diario favorece este obxectivo". O alumnado do centro emprega nas aulas tanto a versión en papel do xornal como a dixital. E faino de forma recorrente, nomeadamente para atender "múltiples actividades integradoras que abranguen a fluidez e comprensión lectora, a comprensión e expresión oral de ideas e opinións, vocabulario,  ortografía, a gramática e tamén talleres de composición escrita".

Estudantes de 1º e 2º da ESO len, recortan e analizan as noticias para despois crear as súas propias.

Unha das tarefas que máis desfruta o alumnado de 2º da ESO é a de "predición". "A profesora entréganos titulares para que pensemos e redactemos sobre que poden tratar as noticias. Logo dános máis recortes e temos que asociar cada titular co seu texto. Por último, expoñemos ao resto da clase se a nosa hipótese era acertada ou non", explica Adriana García. "Gústannos moito este tipo de actividades porque podemos comentar e prognosticar en grupo e ver despois que ideas coinciden ou non coa noticia real", engade Estela Couselo.

O alumnado traballa con todas as seccións: agrupan recortes, crean titulares, fan resumos, analizan noticias e redactan as súa propias, ás veces "disparatadas ou surrealistas" tomando como modelo as reais". Tamén xogan a dar co texto xornalístico no que encaixa cada peza e a "identificar trazos de obxectividade ou subxectividade nos textos do xornal, o que nos axuda a entender mellor estes conceptos na práctica" sinalan Miriam López e Catalina Velo, de 1º da ESO.

Un xornal propio

Para o equipo decente do CPI de Xanceda, a lectura pausada e comprensiva de artigos xornalísticos é fundamental "para combater a desinformación e formar unha mirada crítica neste momento no que imperan os modelos de consumo rápido de contidos" a través das redes sociais que o alumnado emprega para comunicarse e informarse sobre o que pasa no mundo, apunta Elena Pérez, quen comparte departamento con Dores Díaz.

Dela naceu a idea de pór en marcha no centro un medio de comunicación propio, un proxecto escolar guiado en todo momento polo alumnado, desde a idea orixinal ao deseño e posterior desenvolvemento, escrito en galego e apegado a súa propia realidade e intereses. "Durante todo o proceso o alumnado consultou de maneira constante a prensa e atopou a principal referencia en Nós Diario, que xa coñecían das aulas de Lingua Galega", sinala a profesora da materia en 3º e 4º da ESO.

Alumnado de 4º da ESO usa habitualmente a versión dixital de 'Nós Diario' para achegarse á realidade da Galiza.

Claudia Rodríguez, hoxe alumna de 3º, recibiu o convite de sumarse ao proxecto cando estaba en 1º. "Sen pensalo, dixen que si. Entusiasmábame a idea de poder facerlle entrevistas a persoas importantes ou redactar noticias da comarca para que a xente as lese".

Pensar e lanzar un xornal dixital, P(r)ensamos [prensamos.gal], foi complicado pero "no comezo fomos un grupo cheo de ilusión", lembra Carme Roel, tamén estudante de 3º. "Nós Diario foi, sen lugar a dúbidas, unha das nosas principais fontes de inspiración, sobre todo no tocante á estrutura, ao modo de transmisión das noticias e ao interese por falar sobre temas relacionados coa Galiza e a contorna máis próxima".

Sabela Martínez, hoxe ex alumna do CPI de Xanceda, recorda agradecida os seus días de redactora. "Foron estupendos". "O xornal significou para nós, un espazo de liberdade e algo entretido".

Información da Galiza "organizada e fiábel"

Sara Martínez, Roi Pardo, Lucas Rodríguez e Vítor Sánchez estudan 4º da ESO. Segundo destacan, Nós Diario é unha ferramenta habitual na aula para "comprender a realidade da Galiza", di Sara, mais tamén para "o estudo dos xéneros xornalísticos ou como referencia á hora de redactar", engade Lucas.

"Nós Diario é unha plataforma moi boa de información, organizada e fiábel", sinala Roi, á que tamén dedica parte do seu tempo libre. "Adoito entrar na sección de Deportes para ver noticias e artigos deportivos. Resúltame moi útil a súa lectura, porque me permite estar informado sobre multitude de temas de actualidade "Eu emprégoo para entender mellor a nosa cultura e para estar ao día sobre o que acontece na Galiza", conclúe Vítor.