O encontro 'Galeusca de directores' analiza os desafíos do xornalismo

María Obelleiro, xunto a Partal e Otamendi, en Barcelona. (Foto: Nós Diario)
A directora deste medio, María Obelleiro, comparte mesa de debate cos seus homólogos en 'VilaWeb', Vicent Partal, e 'Berria', Martxelo Otamendi. Aquí podes seguir en tempo real as intervencións.

A directora de Nós Diario, María Obelleiro, participou nesta sexta feira en Barcelona do foro de debates organizado por VilaWeb no marco da celebración do 25 aniversario deste xornal catalán.

Obelleiro comparte mesa cos directores de VilaWeb, Vicent Partal, e máis do vasco Berria, Martxelo Otamendi, nun encontro titulado 'Galeusca de directores' —en alusión á colaboración semanal entre a dirección destes tres medios— no que falarán da situación da profesión e dos retos e desafíos aos que se enfronta.

Na súa intervención María Obelleiro subliñou a "importancia" de contar con medios como Nós, Berria ou VilaWeb, que practican un xornalismo "sen mordazas, redes clientelares ou ordes dos gobernos" e utilizan as linguas propias "grazas ás chegas das persoas subscritoras", sen as que "isto non sería posíbel".

Tamén informou da exclusión total que padece Nós Diario na liña de subvencións á prensa que a Xunta da Galiza outorga cada ano, así como das "presións" recibidas polos medios que "procuran un xornalismo libre".

Pola súa parte, Vicent Partal subliñou a importancia de "facer contidos atractivos para a xente nova" nos medios de comunicación, nomeadamente nas edicións dixitais. "Temos esa responsabilidade esencial", dixo.

Martxelo Otamendi, preguntado polas "presións" que adoita recibir a prensa, apuntou: "Ao pouco de nacer Berria recibimos un comunicado de ETA, publicámolo e aos poucos días chegan tres gardas civís de parte de Grande-Marlaska, daquela na Audiencia Nacional, pedindo identificar os autores... Por que iamos coñecelos?".

25 aniversario de VilaWeb

O xornal dixital catalán celebra este ano o seu 25 aniversario con diferentes actos, alén deste 'Galeusca de directores', como unha exposición titulada Revolució VilaWeb que se inaugurou en marzo e fechará o próximo 25 de setembro, así como a publicación dun libro co mesmo nome que repasa a súa traxectoria e a evolución do xornalismo nestas máis de dúas décadas.

Un dos paneis da mostra do 25 aniversario de VilaWeb.