'Nós Diario' amplía os seus pasatempos ao marupeke

marupeke
Nós Diario está de estrea. Este sábado incorpora unha nova peza aos pasatempos, concibidos desde un punto divulgativo e formativo, alén de lúdico.

Sopas de letras, sudokus, kakuros, encrucillados, saltos de cabalo, luso-cruzadinhas, sopa portuguesa, rotondas... son algúns dos pasatempos que cada día recolle Nós Diario ou o semanario Sermos Galiza da man de Xoán Costa e Xerardo Rodríguez Roca.

Pasatempos concibidos con perspectiva lúdica mais tamén divulgativa e formativa e que, de facto, constitúen unha das seccións máis demandadas do xornal.

Nesta perspectiva, e coa intención de combinar os pasatempos máis clásicos cos máis modernos, Nós Diario ofrece a partir de mañá sábado, 26 de setembro, unha nova posibilidade: marupeke, un xogo de lóxica presente tamén nas aplicacións de telefonía, creado en 2009 por Naoki Inaba, o inventor máis prolífico de quebracabezas de lóxica de cuadrícula do Xapón, o que é o mesmo que dicir do mundo.

"Este quebracabezas é como unha ecuación simple", afirmaba o creador. "Nunha ecuación simple dúas cousas conducen a unha terceira. Quería expresar esta idea da maneira máis sinxela posíbel", salientaba.

Nisto consiste o marupeke

As regras do xogo son moi sinxelas: para resolver este quebracabezas, debes colocar un X ou un O en cada un dos cadros restantes de forma que nunca haxa tres X ou tres O aliñados, sexa horizontal, vertical ou diagonal.

Así, o marupeke, presente nos máis prestixiados xornais do mundo, estará, desde mañá, tamén en Nós Diario.