O norte da Galiza, en alerta por chuvias desde esta madrugada

Europa Press
A metade norte da Galiza está desde a madrugada en alerta laranxa por chuvias moi fortes e posibilidade de sarabia, tanto na costa como no interior.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía, trátase dun fenómeno meteorolóxico que se manterá activo, previsibelmente, até primeira hora da tarde desta cuarta feira en toda a zona norte. No interior e, en concreto, na comarca de Valdeorras, as chuvias, de menor intensidade, poderán vir acompañadas de treboadas e estenderse á tarde, polo que tamén alí está activada a alerta, neste caso amarela.

En termos xerais, Galiza prevé para hoxe unha xornada de ceo moi nubrado a causa dunha zona de aire frío en altura que segue deixando inestabilidade. Segundo a información publicada por Meteogaliza, o vento soprará de compoñente norte, moderado no litoral e máis frouxo no interior. 

As temperaturas mínimas non terán cambios, mais as máximas descenderán entre lixeira e moderadamente. Desta maneira, nas cidades galegas as temperaturas máximas subirán até os 30 graos en Ourense, mentres que os valores mínimos descenderán até os 16 graos en Compostela, Vigo ou Pontevedra.

A situación chega logo dun mes de xullo marcado por unhas temperaturas excepcionalmente elevadas, cunha anomalía de mais de tres graos por enriba das medias da histórica de referencia, e seco, con poboacións que non experimentaron precipitacións nin un só día. Para atopar valores similares aos deste inicio do verán hai hai que se remontar até o ano 1986, segundo Meteogaliza.

Tamén a reserva hidráulica galega vese afectada pola escaseza de chuvias de xullo. Sitúase en 70,7%, tras baixar máis dun punto na última semana, segundo os datos publicados onte polo Ministerio para a Transición Ecolóxica.

Na conca de Miño-Sil hai 2.186 hectómetros cúbicos, cunha reserva a 72,1%, unha cifra que está por encima, tanto do dato do ano pasado como da media da última década. Na conca Galiza Costa, con menor capacidade, hai 443 hectómetros cúbicos. Está a 64,8% da súa capacidade, case tres puntos por debaixo da semana anterior e nunha situación inferior á do ano pasado e á media da última década.