“Normalizouse que haxa pacientes amoreados nos corredores”

A Comisión de Centro de Atención Hospitalaria denuncia o “colapso” do servizo de Urxencias do CHUAC

O servizo de urxencias do Chuac vive nunha “situación permanente de colapso” na que de forma continuada os pacientes permanecen amoreados nos corredores. Esa é a denuncia que fan desde a Comisión de Centro de Atención Hospitalaria do complexo hospitalario coruñés.

Actualmente, sinala a presidenta do Comité, Lucía Peón, a través dun comunicado, a Xerencia xa “normalizou” que as pacientes “estean dispostas nos corredores”.

Porén, repróchalle, non “normalizou” a necesidade de persoal para atender estes pacientes. “Coidamos que esquecen que os pacientes precisan de persoal de enfermería para a súa atención, aínda que sexa nos corredores”.

“Sobrecarga física e psíquica destes, incidindo directamente na súa saúde e incluso na calidade asistencial prestada”

O aumento de pacientes no servizo non vai ligado ao aumento de profesionais, insisten, o que provoca “sobrecarga física e psíquica destes, incidindo directamente na súa saúde e incluso na calidade asistencial prestada”.

Sen reforzos

Nesta liña, a Comisión de centro lamenta que non só “non se aumenta persoal”, senón que cando aumenta a afluencia de pacientes, “a Xerencia non reforza o servizo cos profesionais necesarios”.

A maiores, engaden no comunicado, “a mala xestión por parte da Xerencia nas contratacións, leva a unha escaseza de profesionais que implica que o propio persoal do servizo renuncie as súas libranzas para poder dar a atención oportuna”.

A día de hoxe, afirman, continúa unha unidade de medicina interna pechada no hospital Abente e Lago, o que supón “25 camas mais que puideran estar dispoñíbeis e aliviar “algo” a sobrecarga de urxencias”.