Semana da Prensa na Escola

O proxecto de normalización lingüística do IES do Barral (Ponteareas) a través de 'Nós Diario'

Alumnado de 2º de Bacahrelato do IES do Barral de Ponteareas na aula de Humanidades e Ciencias Sociais. (Foto: Nós Diario).
O IES do Barral de Ponteareas (O Condado) conta con diversas subscricións a Nós Diario. Cada día recibimos no centro varios exemplares, polo que decidimos realizar unha reportaxe sobre a súa pegada nas aulas coas opinións achegadas polo alumnado e o equipo docente que dá vida a este medio.

O xornal Nós Diario chegou ao IES do Barral ao pouco da súa fundación, sendo un caso excepcional o do noso centro ao contar con catro subscricións. Isto xustifícase baixo o obxectivo de normalizar o contacto e a relación cun xornalismo en galego, moi escaso entre a rapazada, coa intención de que o alumnado se familiarice co uso do idioma, especialmente nos medios de comunicación. A proba desta falta de achegamento é que cando se amosou por primeira vez, os máis novos sorprendéronse ao atopar prensa en galego. 

Conexión coa contorna

Tras contrastar a opinión de profesorado e alumnado atopámonos ante diversas perspectivas respecto ao impacto do xornal. Entre elas, o principal punto de converxencia é que este supón unha visión alternativa en comparación co resto de noticieiros da nosa comunidade autónoma, posto que potencia os temas de Galicia, condenados a un segundo plano noutros medios. Amais, valórase moi positivamente o uso normativo da lingua, na liña da súa aprendizaxe nas aulas, e temos en conta que a lusofonía é un importante contexto que tamén visibiliza. 

Un aspecto crucial constitúeno os modos en que se dá uso ao xornal, pois os e as docentes tratan de integralo para xerar interese no alumnado polo que ocorre na nosa contorna. Este é o caso de materias como Economía, na que os e as discentes de 1º de Bacharelato escollen cada semana novas da sección propia da materia, a partir das cales se xera un enriquecedor debate.

En Lingua Galega os artigos de opinión ou os relacionados coa sociolingüística son aproveitados frecuentemente para traballar nas clases de bacharelato. Certo é que o profesorado liga máis o uso do xornal aos cursos de bacharelato, mais intenta familiarizar tamén os rapaces e rapazas da ESO co Nós Diario traballando a estrutura e formato do mesmo, ou empregando anexos referidos ás unidades estudadas en materias como Historia, por exemplo, no apartado de arquitectura galega. Así indúcese a unha normalización lingüística, á destreza para seleccionar información e ao fundamental desenvolvemento do pensamento crítico dende as primeiras etapas da secundaria.

Leilía e Noa coñeceron a redacción de 'Nós Diario' en 2023.

Lectura orgullosa

Pese ao esforzo por fomentar a súa utilización entre os escolares, a rapazada que non le o xornal segue sendo maioritaria. Por iso, e sendo conscientes do nesgo, escoitamos esta pequena porcentaxe de alumnado que o le. Destacan como puntos positivos a maneira de transmitir información e a posibilidade de realizar unha lectura de xeito dixital. Algúns animan aos seus compañeiros a ler o xornal, xa que nel poden atopar máis contido do que imaxinan sobre os seus temas de interese.

Á fin de contas, no IES do Barral o Nós Diario ten presenza no día a día. Aínda que o alumnado, en xeral, voluntariamente non faga moito uso del, intégrase no ensino. Dunha maneira ou doutra, pódese afirmar que no noso centro este xornal ten sempre un oco, dende onde se loita por poñer fin ás opinións despectivas sobre a nosa terra, reivindicar o propio e espallarmos un sentimento de orgullo.

O desafío colectivo de acoller e incorporar ás aulas o 'Nós Diario'

Coincidindo coa Semana da Prensa na Escola, preguntámonos: por que o uso que lle dá o alumnado ao xornal non é maior? É realmente consciente do moito que o diario lle podería achegar á súa actividade académica e persoal?

Na actualidade investimos a meirande parte do noso tempo cun dispositivo electrónico na man, o que fai que o hábito pola lectura do xornal en papel vai perdendo relevancia. A maioría dos nosos compañeiros e compañeiras descoñecían a existencia dun diario en galego e normalizaban os prexuízos arraigados sobre o idioma. Por isto, consideramos que o labor que  desempeña o profesorado do noso centro é clave para non perder a noción do que ocorre no exterior e fomentar o interese pola nosa cultura e a nosa lingua a través da prensa en galego.