223.000 bidóns con residuos nucleares 'esquecidos' fronte as costas de Galiza

Máis de 115.000 toneladas de lixo radioactivo foron botadas até 1982 nunha zona do Atlántico Nordeste fronte a Galiza. Non hai control sobre esas verteduras malia evidencia da existencia de fugas, denuncian desde 'Materia'.

Entre 1949 e 1982 oito estados europeos botaron 115.000 toneladas de lixo nuclear nunha zona do Atlántico, nalgúns puntos a escasos 200 kilómetros da costa galega. Consideraban nunha idea óptima que os residuos das instalacións nucleares fosen ao fondo mariño do Atlántico. “Refugallos radiativos da baixa actividade procedentes de reactores atómicos, de instalacións médicas e da industria”, como sinala Materia, a web científica que denuncia a falla de control e vixilancia desde hai dúas décadas sobre estes residuos.

En 1995 a Axencia da Enerxía Nuclear da OCDE deu por finalizado o seu programa de vixiancia dos residuos radioactivos guindados a esas augas

Tres décadas despois daqueles feitos, os estados responsábeis desenténdense absolutamente daqueles feitos e as súas consecuencias, indica o xornalista Manuel Ansede na noticia que asina en 'Materia'. “Os bidóns seguen baixo o océano, sen practicamente ningún control”.

Sen plan B

Xa en 2010 un grupo de científicos alertaba que aquel material radioactivo dos bidóns botados ás augas do Atlántico podía fugarse. “Aínda que a vertedura de residuos o mar cesou, o material pode fugarse dos contentores”. En 1995 a Axencia da Enerxía Nuclear da OCDE deu por finalizado o seu programa de vixiancia dos residuos radioactivos guindados a augas do Atlántico Nordeste. “As análises amosaron aumentos de actividade radiolóxica nos puntos de vertedura, suxerindo fugas medíbeis mais cun impacto radiolóxico despreciábel”, concluía o seu informe final. Desde aquela, nada.

En 2010 un grupo de científicos alertou dun alto risco de fugas, e hai informes que evidencian sucesos dese tipo

En 1992, os expertos do Organismo Internacional de Enerxía Atómica (OIEA) navegaron por derradeira vez sobre os cemiterios nucleares submarinos para medir a radiatividade. “As análises amosaron elevadas concentracións de plutonio-238 en mostras de auga recollidas nos puntos de vertedura, indicando fugas de los contentores”.

O 'Xurelo', lembras?

A loita contra as verteduras nucleares no Atlántico tivo en Galiza un dos seus alicerces. En setembro do 81 saía do porto de Ribeira, na boca da Ría de Arousa, o 'Xurelo', un palangreiro de apenas 24 metros de eslora que puxo rumbo as fosas atlánticas para protestar contra as verteduras radioactivas. O patrón chamábase Anxo Vila e era de Aguiño. Acompañábano nesta a súa primeira travesía anti-nuclear 14 persoas: Manuel Rivas, Gonzalo Vázquez Pozo, Enrique Álvarez Escudero, Camilo Nogueira, Pili Pereiro, Xurxo Lobato, Manuel Méndez...entre outros. Un barco pesqueiro

O buque foi imaxe e símbolo da loita en Galiza contra esas verteduras e contra a enerxía nuclear, unha loita que tivo unha ampla repercusión internacional, dándose mostras de solidariedade en diferentes países.