Un catálogo recolle o valor dos fungos e a riqueza micolóxica do Courel

Regueiro e Alonso: "Non os vemos os fungos pero son fundamentais"

O catálogo recolle a primeira cita ibérica de 'Hydnum mulsicolor', fotografada en Taras de Mercurín, nun treito da ruta do río Pequeno. (Foto: Nós Diario)
O 'Catálogo da macromicobiota das montañas do Courel' é unha obra de referencia para os estudos de micoloxía na Galiza. O volume, accesíbel en liña, afonda no coñecemento da biodiversidade da zona e recolle máis de medio millar de taxons, moitos deles primeiras citas para O Courel, Galiza e a Península Ibérica.

A riqueza micolóxica das montañas do Courel conta desde finais de 2020 cunha publicación de referencia que por primeira vez recolle un estudo exhaustivo da macromicobiota courelá. A obra, asinada polos profesores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela Julián Alonso e Antonio Regueiro, constitúe unha achega fundamental ao coñecemento da biodiversidade da zona e contribúe a ampliar a prospección dun territorio de sobras recoñecido tanto desde o punto de vista botánico como zoolóxico.

"O coñecemento da nosa biodiversidade é imprescindíbel porque é unha base de saber que permite razoar calquera tipo de  xestión que se faga en materia de desenvolvemento ou sostibilidade nestes territorios", destaca Julián Alonso en declaracións a Nós Diario. No caso das montañas do Courel e Os Ancares, engade, "a diversidade florística, xeolóxica e climática favorece unha gran biodiversidade". Unha riqueza excepcional que tamén se reflicte nos fungos.

O Courel é unha zona na que existen substratos moi distintos, "mesmo con rochas carbonatadas que achegan unha diferenciación importante con respecto a outras zonas da Galiza". Esta calidade ten que ver coa abundancia fúnxica. Doutra banda, salienta Julián Alonso, a variabilidade climática implica unha riqueza botánica que afecta directamente á diversidade micolóxica, visíbel en contornos dispares, tanto en bosques como en plantacións forestais ou pasteiros.

Os fungos, esenciais para os ecosistemas

"Este catálogo que vimos de presentar é un inicio. O estudo continúa e no futuro imos dispor de novas incorporacións e de máis taxons que aínda non están citados", comenta Alonso a propósito da exploración profunda que están a facer a canda outros investigadores da micoloxía do Courel.

"Os fungos son compoñentes esenciais nos ecosistemas. O que sucede é que a súa importancia é pouco coñecida. De feito, non os vemos. Só os cogomelos, que son as frutificacións que producen os fungos para a súa reprodución. Pero o corpo fundamental, o micelio, chave para os ecosistemas, non o vemos", recalca.  

Neste sentido, destaca o seu "papel descompoñedor", básico para a saúde das plantas e dos bosques. Pero tamén sinala o valor das especies comestíbeis, cun alto valor comercial, e da compoñente turística asociada á "atracción cada vez máis estendida cara a observación e a fotografía dos cogomelos, moi variados en formas e cores", di Julián Alonso.

Así, o gusto polos cogomelos esperta cada vez máis interese polo seu estudo, "sempre benvido mentres e cando se faga de forma respectuosa".

Especies protexidas

Os fungos, como outras especies, contan con lexislación propia para a súa protección. "Mais seguen a ser os grandes esquecidos. Son máis complexos de estudar e polo tanto resulta máis difícil valorar a súa viabilidade. O que hai na Galiza é unha lei de aproveitamentos micolóxicos, que regula a recolección de cogomelos con fins comerciais, e redes naturais protexidas, cunha normativa de seu, nas que se atopan moitos destes espazos cunha gran riqueza fúnxica", destaca o autor do Catálogo da macromicobiota das montañas do Courel.

O traballo, financiado con fondos da Deputación de Lugo e accesíbel en rede nas webs do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) mais da Estación Científica do Courel, supón unha importante achega no campo da investigación e da divulgación micolóxica.