“Non teño palabras para agradecer ao pobo de Monforte todo o que fai por nós”

María Luísa Moreno Navarro, integrante do Circo Nevada varado en Monforte de Lemos por mor do decreto de alarma (Imaxe: Arxina)

 

As integrantes do Circo Nevada ficaron varadas na vila cuxas habitantes afánanse en axudalas na súa difícil situación económica. A cambio, as circenses ofrecen espectáculos ás crianzas nos balcóns.

Hai 17 anos que o Circo Nevada non realizaba ningún espectáculo ante o público galego. Tras ofrecer varias funcións a veciñanza de Monterroso, o 10 de marzo as súas integrantes aterraron en Monforte de Lemos. Mais, coa carpa xa montada, a función non puido comezar. As restricións pola emerxencia sanitaria da COVID-19 impedírono.

Coas posibilidades de traballar paralizadas, a situación non é fácil para este circo familiar que xa fora golpeado pola crise económica de 2008. “Nun comezo, o Concello mandounos volver a casa”, explica María Luísa Moreno Navarro, do Circo Nevada. Porén, a súa localidade de orixe, a vila extremeña de Talayuela, atópase a 600 quilómetros de distancia e non poden costear os custos do combustíbel.

Moreno Navarro, matriarca do Nevada, agradece á prensa local que recollese as súas dificultades nun artigo. “Desde entón os veciños comezaron a axudarnos, non teño palabras para agradecer ao pobo de Monforte todo o que fai por nós”, asegura, engadindo que a raíz da publicación a tenente da alcaldía tamén contacto a súa familia para ofrecerlles o seu apoio.

Partillamos todo o que hai, digamos que ampliamos a familia, di Moreno Navarro

Na parcela na que se afincou o circo conviven catorce persoas. “Na miña casa convivimos meu marido, miña nai de 93 anos e mais eu e noutra a miña filla, meu xenro e as súas tres crianzas”, detalla Moreno Navarro. No comezo da tempada, contactaron con dúas familias máis para incluílas no espectáculo que planificaban desenvolver nas vilas galegas. “Expliqueilles que non podemos asumir o seu salario, mais partillamos todo o que hai, digamos que ampliamos a familia”, di ela.

O marido de Moreno Navarro é a quinta xeración en herdar un legado circense que el legou, á súa vez, a súa filla e seus netos. "Eu son unha agregada que rematou facendo números", conta ela por teléfono. Durante o día, engade, dedican un tempo a ensaiar. "Este traballo non é coma calquera outro, se o deixas tres meses depois non podes volver".

Miña filla e meus netos fan malabares e cantan cancións para os nenos que saen aos balcóns, explica a matriarca do Nevada

Para agradecer a solidariedade monfortina, a filla de María Luisa e seus netos realizan números tras a hora dos aplausos. "Fan malabares e cantan cancións para os nenos que saen aos balcóns"; di ela. Un vídeo destas funcións improvisadas foi partillado en redes sociais, conta, "e xa suma miles de reproducións". Nos últimos días a choiva impediulles por primeira vez acudir á cita co público das fiestras. "Deunos moita pena", lamenta a matriarca do Nevada.

Ás dificultades do confinamento súmase a incerteza do seu futuro. "A nosa seguinte parada era Quiroga, mais non sabemos cando poderemos volver traballar", salienta Moreno Navarro. Cuestionada polas axudas ao sector, explica que as que convoca anualmente o Ministerio de Cultura adoitan ser destinadas "para os espectáculos máis grandes". "Agora pedimos que nos teñan a todos en conta, a grandes e pequenos", reclama ela.

Pedimos que nas axudas nos teñan a todos en conta, reclama Navarro Moreno

"Temos máis liberdade que quen vive nun piso", reflexiona Moreno Navarro, "mais tamén somos nómadas, afeitas a movernos constantemente. Meu marido sae polas noites sentarse fóra, cómeno os nervios nestes días".

Sen saber que lle depararán os meses por vir, ela aventura que tal vez os espectáculos teñan que asemellarse aos tempos de antaño para que a función poda continuar: "Sen pista, sen carpa, nunha praza e cun cesto no medio, como cando eu era pequena e chegaba un espectáculo á aldea, que levábamos nós as cadeiras".