Consello da Xunta

"Non teño coñecemento", a resposta de Rueda ao ser preguntado pola censura e as listas negras na Deputación de Pontevedra

Alfonso Rueda, presidente da Xunta da Galiza, esta quinta feira no Consello da Xunta. (Foto: Arxina)

Nós Diario preguntou o presidente galego a respecto das denuncias formuladas por colectivos como Iniciativa Galega pola Memoria ou a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega

Tal e como recolleu Nós Diario o pasado 20 de febreiro, e como denunciaron nos días seguintes entidades como Iniciativa Galega pola Memoria ou a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Deputación de Pontevedra, gobernada polo Partido Popular, decidiu censurar catro relatoras participantes no proxecto Aquí faltan páxinas ‑dependente do departamento de Igualdade e cuxa finalidade é rescatar biografías de mulleres invisibilizadas‑, por apoiar o BNG. Un feito sobre o que Alfonso Rueda afirmou esta quinta feira non saber nada.

Trátase de catro recoñecidas investigadoras como son Montse Fajardo, Mercedes Queixas, María Xesús López Escudeiro e Elsa Quintas, as cales, en maior ou menor medida, mostraron o seu apoio ao BNG, ben por integrar as súas listas ao Parlamento da Galiza ou ben por pedir directamente o voto para a formación nacionalista. Un motivo polo cal consideran que foron excluídas de participar nese proxecto.

Con todo, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, xustificou a censura de relatoras que apoiaron o BNG alegando “única e exclusivamente criterios técnicos”. Concretamente, a Deputación explicou que "optou por aplicar criterios como o da non repetición de relatoras, a entrada de novos perfís menos visíbeis e a súa extensión a municipios do rural".

Porén, unha das afectadas, Montse Fajardo, non tardou en responder ás "escusas" da Deputación a través das súas redes sociais: "As escusas da Deputación de Pontevedra para o seu veto son facilmente desmontábeis. Que eu saiba, das catro censuradas só repetía”.

“Non teño coñecemento”

Preguntado por Nós Diario ao respecto destas denuncias, o presidente do PP e da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, afirmou non ter constancia da existencia de listas negras e de censura nas institucións que preside. “Non teño coñecemento”, sentenciou na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta decorrido esta quinta feira.