Antón Bouzas

“Non é tan difícil facer políticas favorábeis á poboación empobrecida. Iso si, ten que haber vontade”

Antón Bouzas intervén en Bruxelas. Imaxe: @anamirandapaz

Membro da xunta directiva do Colexio de educadores sociais de Galiza e integrante do colectivo 'Os Ninguéns', Bouzas atesoura anos de experiencia a traballar con colectivos como as persoas sen teito ou o que se denomina “poboación oculta”. 

Antón Bouzas vai participar esta semana nas primeiras xornadas sobre a situación das persoas sen fogar, que van decorrer en Compostela.

- Cal é a situación das persoas sen teito na Galiza, que debemos ter en conta para achegarnos a esta problemática?

O primeiro que debemos ter en conta é a que nos referimos. Por persoas sen teito referímonos a aquelas persoas que non habitan nunha vivenda como nós a entendemos. Persoas que teñen unha pobreza crónica ou sobrevenida e que viven na rúa, que as vemos polo día mais que de noite van a pisos abandonados, chabolos, edificios en ruínas... co perigo que iso implica. Este sería un perfil. Aquí atopamos a persoas maiores soas, a persoas con patoloxías aditivas, con enfermidades asociadas a esas patoloxías... Esta é a poboación que está en peor situación, condenadas a un proceso de morte prematura máis rápida que o resto de persoas. Son os que coñecemos como 'sen teito'.

Os sen teito están condenados a sofrer un proceso de morte prematura, máis rápido ca nós

Mais tamén hai outra poboación, non tan visíbel, que si que vive nunha vivenda mais que están en risco moi alto de perdela, por despexo, por non poder pagar o aluguer... Van camiño de ser persoas sen teito. Xente que non é quen de cubrir as súas necesidades básicas, de non facer fronte a hipotecas ou alugueres... Aquí atopamos parados de longa duración, traballadores eventuais e precarios... Imaxina, eu coñezo mulleres que en Vigo traballan limpando edificios por tres euros a hora. Iso, para que da?

- Mais este segundo grupo non é tan 'visíbel' embora ser moito máis numeroso

- Non son visíbeis á sociedade, é o que chamamos poboación oculta ou ocultada a ollos da cidadanía e da administración. Poden perder o seu fogar cun mínimo contratempo. Con eses salarios de non chegar a final de mes, ao mínimo que quedes sen cobrar ou cobres menos, xa está. Moitas veces eles propios síntense culpábeis do que lles está a pasar. Para eles o gran problema é ficar sen vivenda. E aquí atopamos un colectivo que quero destacar: o das mulleres con fillos menores ao cargo. Son unha parte moi importante desta poboación que ten moitas dificultades para pagar o aluguer. Moitas veces, antes de que as boten, optan por marchar e teñen que disgregar a familia, que as crianzas fiquen con familiares ou que se faga cargo a administración... É moi duro.

Eu coñezo mulleres que limpan edificios en Vigo por 3 euros a hora. Iso para que dá? Hai mulleres con menores ao cargo en risco de ficar na rúa

- Como abordar unha situación así que, como acaba de afirmar, é “invisibel” para gran parte da sociedade?

Non debemos renunciar a unha conciencia solidaria e de xustiza social. As competencias das administracións públicas van máis alá de urbanismo, ou de parques, van máis alá de todo o que é moi visíbel para a cidadanía. Nas cidades atopamos esa poboación da que falabamos e as administracións teñen responsabilidades, nin sequer teñen un censo da xente que pode estar nesa problemática. Un rexistro desas persoas empobrecidas, que sería un paso importante para poder intervir sobre a mesma.

As administración nin sequer teñen un censo ou un rexistro da xente que está nese risco

Non sería tan difícil facer políticas para axudalas, hai que ter vontade, iso si. Por exemplo, vivendas sociais para que estas persoas, cunha cantidade testemuñal ou de pagamento cero, poidan habitar. Estamos falando non só de persoas sen teito, senón tamén de persoas que traballan, mais con salarios que non dan para cubrir as necesidades básicas.

Outra idea sería a de crear un rexistro de xente que ten vivendas que quer alugar mais que se bota atrás ante a posibilidade de alugarllas a esta poboación empobrecida. A administración podería facer a tarefa de tutela e garantir un seguro multirisco que cubrise posíbeis prexuízos para o caseiro. Esta opción ten a favor que non faría falla construír novas vivendas e que ese censo acollería vivendas que están distribuidas, non se crean 'guettos'.

- Enumera accións que poden facer os poderes públicos. É posíbel, logo, facer políticas aquí e agora favorábeis a eses colectivos e sen que representasen inxentes cantidades de diñeiro?

Claro! Mira aquí, en Vigo, cun concello que está saneado, ten pouca débeda, e nestes anos puxo en marcha toda unha serie de proxectos urbanísticos, algúns necesarios mais outros máis cuestionados. Eses recursos poderían adicarse a atender as urxencias da poboación.

Os medios de comunicación deberían de ter un papel máis activo fronte a esta problemática

- Para alén das administración, tamén ten a xogar un papel a sociedade á hora de abordar esta situación?

Pode facer moito. A poboación ten que tomar conciencia de que capas moi importantes non dan chegado a final de mes e que esa cuestión non lles afecta só a esas capas, aféctanos a todos. Vouche contar unha historia: Verónica é nunha muller, enferma, que ten 3 fillos. Ao ter que deixar o piso tivo que pactar a tutela deles, dous acolleunos a Xunta e o terceiro cun familiar. Verónica ten uns ingresos de 366 euros ao mes, vive nunha habitación, nun `piso-patera' no que viven tres varóns. Ela sabe que non pode levar alí os seus fillos, lóxico. Pediu axuda á Xunta para un piso social e respondéronlle que non tiñan, o concello de Vigo nin se molestou en responder. Ben, con Verónica facemos diversas actividades para denunciar a súa situación e procurar solucións: concentracións, actos... mais non logramos que haxa unha vaga solidaria, nin de partidos, nin sindicatos, nin ONGs...É como se non quixesen velo. Por iso creo que os medios de comunicación deberían ter un papel máis activo, dando espazo a testemuños directos e denunciando os incumprimentos e responsabilidades das administracións.

- Para actuar nestas problemáticas das que estamos a falar hai proxectos, dos que ti fixeches ou fas parte, como 'Sereos' ou 'Os Ninguéns'..

Sereos do Casco Vello de Vigo durou 16 anos. Foi un proxecto que, canda outros, axudou estruturar o tecido dese barrio. Eramos 14 organizacións de barrio a participar no que daquela era un problemático 'barrio quente', con droga, prostitución, pobreza... Comezamos indo polas noites aos 'chutaderos', polas choupanas a falar con esas persoas, a que nos contasen o que precisaban... Levabamos unha bolsa con termo, 'chutas' (xeringas)... Pouco a pouco este programa asistencial foi a máis, lembremos que nel participaba tamén o Concello e a Xunta. Había asembleas semanais de persoas sen fogar, obradoiros con prostitutas sobre saúde... foi algo moi importante, creo, que amosa que a colaboración das administracións públicas e o tecido social poden dar froitos moi importantes. Chegaron a pasar máis de 300 persoas ao día por alí. Hoxe o casco Vello de Vigo é moi diferente ao daquela, e nese cambio este proxecto puxo o seu grao de area.

'Os Ninguéns' naceu en 2013, como herdanza de dúas iniciativas que acababan, o programa Sereos e o de grupo de autoapoio de VIH. E centrámonos en traballar contra a pobreza e a exclusión social.