Dúas concentracións rexeitan en Vigo e Compostela o asasinato machista de Verín

[Imaxe: María Folgueira]

Fátima Machado, veciña desta localidade ourensá, eleva até 45 o número de feminicidios rexistrados no Estado español no que vai de ano, dous deles na Galiza. Aliás, o 28 de setembro ás 17.30h a capital galega acollerá máis unha mobilización polo dereito das mulleres a decidiren sobre os seus corpos


Ducias de persoas concentráronse esta terza feira na Porta do Camiño en Compostela e diante do museo Marco en Vigo para mostrar a súa repulsa perante o último asasinato que a violencia machista deixou na Galiza. Foi en Verín hai tres días, cando o compañeiro sentimental de Fátima Machado se autoinculpou por lle ter causado a morte ao a estrangular. Contra el estaba ditada unha orde de afastamento após a denuncia que ela propia presentara o 21 de agosto, despois de ter sufrido máis un episodio de malos tratos. 

Estamos fartas de ser asasinadas, estamos fartas de sermos agredidas; O machismo é o terrorismo; ou Non estamos todas, faltan as mortas. Os mesmos berros de sermpre serviron máis unha vez a violencia de sempre: aquela que se exerce contra as mulleres e o silencio que lle fai de cómplice. As protestas prolongáronse por volta de media hora e na capital galega incluíron cortes de tráfico cada dous minutos e unha visita policial para advertir de que, de se prolongaren máis da conta, habería identificacións. 

45 mulleres asasinadas no Estado, dúas delas na Galiza

O asasinato de Fátima Machado elevou até os 45 o número de feminicidios rexistrados no Estado español no que vai de ano, dous deles no noso País.  

Así as cousas, Helena Dumitru foi asasinada en Lugo en abril a mans da súa parella, quen declarou terlle asestado unha machetada no domicilio que partillaban coas súas tres crianzas, de trece, nove e tres anos, e após 17 anos de convivencia. 

Bloque e PSdG condenan os feminicidios

En senllos comunicados enviados á imprensa, BNG e PSdG quixeron condenar a violencia machista. No concreto, a formación frontista exixiu das institucións públicas "que a loita contra esta lacra sexa unha prioridade". Así mesmo, clamou por unha "tolerancia cero co silencio e coa complicidade".

O Bloque, que sumou o seu apoio ás concentracións convocadas no País polo movemento feminista, subliñou que frear os asasinatos machistas debe ser considerado "un asunto político principal", e reclamou dos poderes públicos máis recursos materiais e persoais, así como a promoción da co-educación e varrer da escena pública "calquera signo de discriminación" das mulleres.

Pola súa banda, o PSdG condenou tamén o asasinato de Fátima Machado e reclamou "que se reforcen os recursos e medios contra este tipo de violencia". Recordaron @s socialistas que esta muller si que presentara unha denuncia por malos tratos e que fora ditada ao seu favor unha orde de afastamento do seu compañeiro sentimental, polo que insistiron na "necesidade" de "redobrar os esforzos" tanto na prevención como para garantir a seguranza das mulleres que denuncian.