Análise

Non son casos illados, chámase patriarcado

Unha de cada dúas mulleres residentes en España de 16 ou máis anos sufriu violencia ao longo da súa vida polo feito de selo. (Ilustración: Álex Rozados)
A politóloga experta en migracións internacionais Luca Chao escribe en 'Nós Diario' sobre as violencias machistas e o patriarcado que se agocha tras destes casos.

Encetamos o ano do mesmo xeito que rematamos o anterior. Esta afirmación, aplicable a moitas realidades, é especialmente dolorosa no que atinxe ás violencias machistas. 2022 pechouse con 49 mulleres asasinadas.

O 65,3% foi a mans das súas parellas. E o 34,7% restante foi obra de ex parellas ou homes cos que estaban en trámite de divorcio. Os seus asasinatos deixaron tras de si 38 fillas e fillos orfos. Entre tanta barbarie, decembro de 2022 engrosa xa as cifras dos meses con máis mulleres asasinadas dende que se teñen rexistros. Foron once. 

Esta cifra provocou a activación dun comité de crise, unha ferramenta acordada polo Ministerio de Igualdade e as Comunidades Autónomas o pasado mes de xullo para actuar de forma conxunta contra a violencia de xénero.

Son acaso pingas imperceptibles nun océano que se debate entre o clickbait, o viral e a caducidade inmediata

E que implica, entre outras cousas, o estudo pormenorizado de cada caso co obxectivo de detectar posibles fallos no sistema de protección. As conclusións provisionais alertan dunha equivocada valoración do risco, é dicir, trataríase de casos nos que as mulleres tiñan denunciado a súa situación e non foi axeitadamente considerada polas autoridades responsables. E, en segundo lugar, pon o foco en facer chegar os recursos a vítimas de especial vulnerabilidade, como as mulleres de moi avanzada idade ou mulleres enfermas e dependentes.

A día de hoxe, 24 de xaneiro, as mulleres vítimas de violencia machista son sete máis. As catro primeiras mulleres asasinadas no 2023 fórono en menos de 24 horas. Suman dezaoito mulleres asasinadas en apenas sesenta días. As últimas das 1.188 mulleres asasinadas por violencia de xénero dende o 1 de xaneiro de 2003 ata hoxe. 

O feminismo leva moitas décadas insistindo en que o que non se nomea non existe, mais o que non se nomea, mata. Así, se ata o de agora as estatísticas oficiais só se facían eco das vítimas de violencia de xénero dentro da parella ou a ex parella, dende finais de 2021 o Ministerio de Igualdade, adaptando o mandato do Convenio de Istambul, comezou a contabilizar os feminicidios como aqueles asasinatos de mulleres por ser mulleres nos que, ademais dos producidos no ámbito da parella, se atopan os do ámbito familiar, sexual, social e vicario.

O que nos leva a subir a cifra de feminicidios confirmados ata o 13 de xaneiro a sete, catro cometidos por parellas e ex parellas e outros tres de diferente tipo. 

A lista semella interminable. Cifras de tal magnitude que provocarían auténtica alarma social de non ser unicamente, mulleres. Porque unha podería pensar no moito que se avanzou en conciencia social neste tema, nos grandísimos avances feministas capaces de encher rúas como nunca antes. E é certo. Pero non é menos certo que as noticias de mulleres asasinadas polo feito de selo, apenas permanecen un segundo na memoria colectiva.

Son acaso pingas imperceptibles nun océano que se debate entre o clickbait, o viral e a caducidade inmediata. Ese no que rupturas multimillonarias con lecturas supostamente feministas ocupan horas de pantalla pero no que apenas chega a cuestionarse a violencia estrutural que padecemos as mulleres, cara a máis extrema da desigualdade, tan normalizada, que insensibiliza.

Como revelou a última Macroenquisa de violencia contra as mulleres realizada en 2019, unha de cada dúas mulleres residentes en España de 16 ou máis anos sufriu violencia ao longo da súa vida polo feito de selo. Supoñen 11.688.411 mulleres. E unha de cada cinco, padeceuna nos últimos 12 meses. Máis de catro millóns de mulleres que nun ano padeceron violencia machista. Un 13,7% se falamos de violencia sexual e un 21,5%, violencia física. É dicir, unha de cada sete e unha de cada cinco, respectivamente.

Acabar coa violencia machista esixe rematar co machismo estrutural. Esixe actuar no inmediato, asegurar medidas preventivas e protección no presente, leis e recursos para facelas efectivas. Pero esixe tamén traballar na educación do futuro, evitar que o machismo se siga propagando.

Os datos, nese sentido, tamén son preocupantes. Segundo os barómetros do CIS, menos  dun 1% da poboación considera que a violencia machista sexa un problema grave. Así mesmo, de acordo co último Barómetro do Centro Reina Sofía sobre Adolescencia e Xuventude publicado do 2021 sinalou que un de cada cinco rapaces de entre 15 e 29 anos considera que a violencia machista é un invento ideolóxico de feminazis. 

Recursos de atención

Atención telefónica: 016
Atención online: 016-online@igualdad.gob.es
Atención por WhatsApp: 600 000 016