NICANOR ACOSTA, ACTIVISTA

"Non sei se me xulgan a min ou ao megáfono"

Nicanor Acosta [Imaxe Marea Atlántica]

O activista prestou declaración nos xulgados da Coruña após recorrer unha multa imposta pola Delegación do goberno español no marco dunha concentración perante a sede do PP.

O activista Nicanor Acosta, de 76 anos, pasou máis unha vez polos xulgados esta segunda feira (4 de abril) para prestar declaración após recorrer a sanción de 480 euros imposta pola Delegación do goberno español no marco dunha concentración que tivo lugar perante a sede do Partido Popular na rúa Sánchez Bregua. 

Acúsano de cortar o tránsito nunha mobilización perante a sede do PP. Pídenlle 480 euros de sanción

Acúsano de cortar o tránsito durante unha mobilización de persoas afectadas polo calote das preferentes. "Non sei se me xulgan a min ou ao megáfono", dixo ás portas do xulgado con certa retranca onde se concentraron medio cento de persoas para amosar a súa solidariedade. Entre elas, a concelleira de Igualdade, Rocío Fraga (Marea Atlántica) e deputados de En Marea, Yolanda Díaz, Antom Gómez Reino, Miguel Anxo Fernán Vello e Xabier Ron (AGE). 

Acosta asegura que o seu caso reflicte “a represión actual contra os colectivos”. Así as cousas, asegurou que “é na rúa onde a cidadanía ten que defender os seus lexítimos dereitos. Se lles estorbamos quere dicir que  imos ben, que o estamos a facer ben, que seguimos na senda da defensa da dignidade”. Neste senso, apuntou que “sei que vou polo bo camiño”.

Esta non é a primeira ocasión en que Nicanor Acosta afronta un xuízo. En outubro de 2015 tamén recorreu a multa que lle foi interposta por se opor ao despexo de Aurelia Rei do que finalmente foi absolto.