María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde

“Se non é polo sobreesforzo dos profesionais a sanidade pública xa tería caído”

María Xosé Abuín, secretaria nacional CIG Saúde.

CIG-Saúde gañou as eleccións no Sergas que se realizaron o pasado día 23, ampliando a súa representación de 57 a 66 delegadas e consolidándose como primeira forza. Entre os obxectivos que se marca para estes anos, enfrontar a precariedade na sanidade pública. “A Xunta ten que xestionar a sanidade atendendo ás necesidades e non con titulares de prensa”, pide María Xosé Abuín, a súa secretaria nacional.

CIG-Saúde gaña as eleccións no Sergas, votacións ás que se chega após catro anos de recortes e nesta última etapa cun ciclo de mobilizacións importante.

Os resultados foron positivos, un recoñecemento dos traballadores e traballadoras do Sergas ao labor que a CIG fixo nestes anos. O persoal é a forza do movemento sindical e da recuperación de dereitos. Grazas a ese esforzo que fai o persoal a poboación non nota tanto a brutalidade dos recortes na sanidade pública. A calidade asistencial está descansando sobre ese sobreesforzo dos traballadores e traballadoras do Sergas. Cando Núñez Feixoo presume de que a sanidade é moi ben valorada polas galegas e galegos o que non di é que o que se valora ben pola xente é o traballo e implicación dos e das profesionais, non valoran desde logo os recortes. A CIG é un sindicato nacionalista, defendemos os nosos servizos públicos pensando nas necesidades que temos na Galiza.

 

Non podemos ter máis de 6.000 traballadoras en precariedade no sistema público sanitario galego porque Madrid o queira

 

Estamos desde hai meses nun ciclo mobilizador importante na sanidade galega en moitos sectores, de PAC a Atención Primaria, enfermeiras... e son as propias profesionais as que se poñen á fronte.

Nós participamos en SOS Sanidade Pública, que é unha plataforma social onde están representadas organizacións, colectivos... e que ten impulsado neste país as maiores mobilizacións na defensa da sanidade pública. Que hai algúns colectivos que queren ter un protagonismo individual? Bon, na sociedade hai cada vez máis individualismo. Non creo que dividir sexa boa cousa. Debemos estar todos a unha. O realmente importante é que haxa esa unidade, que é a que nos dá a forza. O sistema sanitario público está composto por moitas categorías profesionais e todas e cada unha delas son necesarias para dar unha asistencia sanitaria de calidade. E todas, independentemente da categoría, teñen que recuperar os dereitos e o Sergas ten que facer un cadro de persoal suficiente para atender as necesidades da poboación.

 

Hai sobre a mesa, e desde certos colectivos, unha convocatoria de folga para Atención Primaria (AP) o 19 de xuño.

Houbo un movemento composto por asociacións profesionais, sindicatos, colexios profesionais... que pediamos que se crease unha mesa de diálogo sobre Atención Primaria, que é o que se chama o Consello Técnico de Atención Primaria. Ese consello tivo unha primeira xuntanza que foi frustrante. Hai convocada unha nova reunión o día 14. Tivemos unha xuntanza esta terza feira [28 de maio] de SOS sanidade Pública para dar unha resposta conxunta, para demandar que ese Consello ten que ser un órgano de negociación e debate para construír un novo modelo de AP. Acordamos conxuntamente que se o día 14 ese Consello non dá resposta ás necesidades reais, volveremos reunirnos para, informando a poboación, convocar todo tipo de mobilizacións colectivas. A AP préstase desde equipas multidisciplinares e ten tanta importancia sexas médica, matrona, enfermeira, fisio... A AP é atención integral da saúde física, psíquica e social. Por iso é multidisciplinar e a resposta que se dea debe de ser de todos os colectivos de AP.

 

Feixoo gábase de que este orzamento sanitario é o que máis aumentou desde a crise. Mais non o conta todo: canto dese orzamento vai para pagar as privatizacións e o canon do Hospital de Vigo?

 

Dis que a primeira xuntanza do Consello Técnico foi frustrante. Sentístesvos enganados pola Xunta?

CIG desconvocou a folga [dos días 9, 10 e 11 de abril] porque formabamos parte dun colectivo onde había uns interlocutores para negociar a folga. E as asociacións profesionais que estaban alí decidiron desconvocala. Un dos obxectivos prioritarios dese paro é que se crease unha mesa de diálogo sobre Atención Primaria. Todos entendiamos [nunha das reunións previas á folga] que o Sergas asumía iso. Por iso se desconvocou, porque se conseguira un dos obxectivos comúns do paro, que era o Consello técnico de AP. Que pasou? Que na xuntanza do Consello técnico a Xunta non tiña intención de cumprir o que prometera. Querían que fose un simple órgano informativo. Pois para iso non fai falta un Consello, mándanos un correo electrónico! Por iso xa advertimos que na xuntanza do día 14 queremos darlle contido real a ese Consello, e que se poña a traballar para dar resposta ás necesidades de AP.

 

Foi unha década especialmente dura para a sanidade galega: recortes, privatizacións, taxa de reposición... Hai estudos que inciden nas consecuencias disto. Que pouso deixa todo?

Insisto: non se percibe en toda a súa dimensión a penalización que nestes anos tivo a sanidade galega polo esforzo das profesionais. Se as profesionais non fixesen un sobreesforzo o sistema tería caído hai tempo. Iso non se percibe na sociedade. E ese sobreesforzo está tocando fondo. Á xente non se lle pode pedir día a día esa sobrecarga cando a xestión dos responsábeis políticos é cada vez máis nefasta. A precarización laboral non vén polas necesidades da sanidade senón polos recortes. E están vixentes. A taxa de reposición que impide dar estabilidade aos profesionais está vixente e hai que dicir que é froito dun acordo sindical en Madrid cos sindicatos CCOO, UXT e CSIF. E a taxa de reposición ten que rematar, non podemos ter máis de 6.000 traballadoras en precariedade no sistema público sanitario galego porque Madrid o queira. 6.000 profesionais que non poden saír a ofertas de emprego público. Contratos de acúmulos de tarefas que se renovan cada pouco... non podemos seguir con ese sistema. A fin desta taxa de reposición non está nos grupos estatais. Só o BNG defendeu na Galiza iso. Agora tamén o pide o PP, porque goberna o PSOE en Madrid.

 

Como no da AP9..

Efectivamente, antes vetaban desde o PP que incluso se debatese no Congreso o traspaso a Galiza e agora que goberna o PSOE reivindican a transferencia. Na taxa de reposición nós pedimos que se acabe ou ben que non sexa normativa básica do Estado, para que así as comunidades que en base ás súas competencias queiran decidir cal é o cadro de persoal que necesitan, que poidan facelo.

O primeiro, pois, acabar coa taxa de reposición e dotar a sanidade pública galega do persoal que precisa. A segunda cuestión é acabar coa precariedade laboral, acabar cos contratos por día. Tamén hai que aumentar o orzamento da sanidade. Feixoo gábase de que este orzamento sanitario é o que máis aumentou desde a crise. Mais non o conta todo: canto dese orzamento vai para pagar as privatizacións ou canto para o canon do Hospital de Vigo?

Todo iso ten que mudar, ten que finalizar a actual política sanitaria neste país. O PP ten que xestionar a sanidade atendendo as necesidades que esta ten e non con titulares de prensa.