“Non se pode lamentar que Galiza arda e aprobar no Parlamento leis que favorezan que se queime o país”

A Asemblea Galega contra o Lume presentou á Xunta 10 medidas para un combate” eficaz” contra os incendios. Unhas propostas apoiadas polas máis de 2.000 sinaturas recollidas nestes días nos que os incendios arrasan boa parte das comarcas do país: Barbanza, Baixo Miño, Valdeorras...

“Non se pode estar a chorar nos medios de comunicación porque arde Galiza e despois no parlamento aprobar leis que favorecen que se queime o país”. Esta frase, en referencia ao presidente da Xunta, foi pronunciada por un dos representantes da Asemblea Galega contra o Lume (AGL) que esta sexta feira entregou na Consellería de Medio rural as súas propostas para poñer fin dunha vez ás vagas de incendios.

 

Estas propostas viñan avaladas por máis de 2.000 sinaturas. "As accións destes 25 anos demostráronse insuficientes e erradas" na loita contra os incendios entenden desde a AGL. De aí que esta asociación, integrada por colectivos ambientalistas, sociais e cidadáns, elaborasen un documento no que propoñen dez medidas “de país” para un combate eficaz contra os incendios forestais

Por outra política forestal

Entre as medidas propostas, desde combatir o despoboamento do rural ou pular por unha “nova política forestal que promova a multifuncionalidade do monte”, até “promover o incremento dos montes públicos e reforzar o papel das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común”.

Tamén figuran entre estas dez propostas a profesionalización dos equipos de prevención, detección, extinción e rexeneración nos incendios; ou ben promover un “ordenamento territorial acorde coas características do noso país, no que o monte ocupa uns 2/3 do territorio e coa maior densidade de núcleos de poboación de Europa

Abonda xa

Cómpre lembrar que dende 1988 até hoxe en Galiza, e segundo datos oficiais ofrecidos por AGL, producíronse máis de 100.000 incendios forestais que queimaron máis de 500.000 has. de monte, das que preto de 200.000 eran arboradas. Desde 1995, hai uns 10.000 incendios ao ano, un incendio por cada 2 Km2 de superficie forestal –a media estatal é dun incendio por cada 25 Km2. En Galiza, co 7,7 % da superficie forestal española teñen lugar o 45% de todos os incendios, estando un 30% da superficie forestal afectada.