Nélida Pisco

“Non se me pasa pola cabeza renderme”

Nélida Pisco

Esta condutora de autobús leva desde 2009 a sofrer na empresa unha situación que a xustiza cualifica de acoso laboral. Desde que pediu a redución da xornada laboral para poder atender a súa primeira filla, que naceu cunha doenza conxénita e con necesidade de lactancia natural. 

Nélida Pisco vén sufrindo, desde 2009, unha situación de acoso laboral. Naquel ano, tras un aborto, un embarazo de alto risco e un parto prematuro a condutora de autobús en Autobuses de Calo pare á súa primeira filla, que nace cunha enfermidade conxénita pola que precisa lactación natural. Ante isto a traballadora solicitou as súas vacacións anuais máis unha redución de xornada para poder atendela. “A empresa negouse a cumprir a legalidade vixente indicándolle que o que debía facer era abandonar voluntariamente o seu posto de traballo e regresar cando tivera á filla criada para volvela contratar”, lembraba hai uns días Lucía Freire, secretaria da Muller da CIG en Compostela. Esta é unha breve entrevista con Nélida Pisco.

- En 2009 comezou unha situación de acoso laboral que se prolonga até hoxe, vai para 7 anos despois. Que reflexión fas de todo o acontecido ao longo deste tempo?

- Pois que a pesar dos momentos duros que pasei, como son consciente do que estou facendo e teño dúas fillas, a loita vale moito a pena porque o que se consiga vai ser tamén para elas.

- CIG, colectivos feministas... fan fincapé en que non se pode entender o que acontece sen ter en conta que o que che acontece tamén debe lerse como 'violencia de xénero'

- Eu non podo entrar aí mentres os asuntos están en vía xudicial pois podería perxudicarme, pero é evidente que sen a compoñente machista non existiría este conflicto e algo está fallando na nosa sociedade.

Ao principio custábame mais asumir os golpes pero co tempo deime conta de que era a peaxe necesaria

- Que papel xogaron as administracións públicas respecto a este conflito, tendo en conta que a empresa é beneficiaria dunha concesión administrativas. Que deberían facer?

- Desde as administracións locais manifestaron o seu apoio, pero a propietaria da concesión, a Xunta de Galiza, sempre actuou como se non fora con eles e nunca se interesaron por min nen polo meu caso.

- Cal foi a actitude dos compañeiros neste conflito?

- O apoio é total no sector do transporte de viaxeiros e así o vivo día a día no meu posto de traballo, na estación de autobuses e nas chamadas e mensaxes que recibo. Nos compañeiros da miña empresa hai moito medo e non podo dicir mais.

- Ao longo destes anos algunha vez pensaches en tirar a toalla, en dar un paso ao lado e deixar de batallar?

Unha mensaxe para xente que poida estar nunha situación similar? A loitar sen enrrugarse

- Non, iso non me pasou nunca. Ao principio custábame mais asumir os golpes pero co tempo deime conta de que era a peaxe necesaria. En xeral, esta loita estame valendo moito a pena pola aprendizaxe que supón para a miña vida.

- Que mensaxes transmitirías ás persoas traballadoras, e nomeadamente ás mulleres, que poden estar a padecer nos seus empregos situacións de acoso laboral ou de presións...

- Que non calen e que non se rendan. Que busquen o apoio de quen entenda, como o que eu recibo da CIG, e loitar sen enrrugarse.