Análise

Non en nome das menores

55% de menores tutelados residen en centros de internamento e 45% conviven con familias de acollida. (Ilustración: Álex Rozados)
Marta Capeáns, traballadora social nunha Oficina de Atención a Vítimas no ámbito xudicial, consultora e perita forense, prosegue co ciclo de análises de Nós Diario.

Hai uns días, concretamente o 28 de agosto, saltaron novamente á palestra noticias sobre o caso de abusos a unha menor por parte do ex marido de Mónica Oltra, ex director do centro de menores onde residiu no seu día a vítima, e que agora pon de manifesto ter sido utilizada por unha propagandista de ultradereita, Cristina Seguí, para acadar un éxito xudicial co obxectivo persoal de destituír á integrante do goberno valenciano, a cambio dun traballo e dunha vivenda.

O anterior só é unha escusa para falar dun problema estrutural que estoupa por momentos, sen chegar a facelo nunca de todo, ou sen que chegue a importar o suficiente, como é a vulnerabilidade dos menores tutelados polo sistema de protección de menores e os graves acontecementos que claman a berros cambios imprescindibles no seu coidado.

Para contextualizar cabe salientar cifras imprescindibles, como son que en España existen arredor de  49.000 menores tutelados, dos que aproximadamente o 55% residen en centros de internamento, e o 45% restante conviven con familias de acollida, segundo o Boletín de Datos Estatísticos de medidas de Protección a la Infancia, publicado polo Ministerio de Dereitos Socias e Axenda 2030.

A primeira medida recomendada para procurar un coidado alternativo dos menores debe ser o acollemento no seo dunha familia, e a poder ser, que se leve a cabo polos familiares do mesmo. Datos oficiais subliñan, ademais, que a modalidade residencial mantén unha clara tendencia á alza desde o ano 95, que supón xa un incremento do 70%.
Entre a disparidade de casuísticas dos menores que rematan cunha tutela ou un internamento por parte da administración podemos atopar un denominador común: que son menores moi vulnerables, cunhas características psicosociais moi específicas e cun ambiente familiar desestruturado. Estes factores contribúen a que se convertan en vítimas propicias para bandas e tramas de prostitución mais relacionadas coas drogas.

Desde aproximadamente finais do 2016 ata o día de hoxe fomos testemuñas en noticiarios e prensa dun aumento de denuncias e detencións sobre abusos a menores, explotación sexual infantil, prostitución, consumo de drogas… dunha cifra nada desprezable de rapaces tutelados que nin sequera somos capaces de contabilizar polo arrevesado da información, que afectou a localizacións como Araba, Canarias, Mallorca, Valencia ou Madrid.

O primeiro parágrafo pretende expoñer de que xeito se pode converter por parte da clase política unha problemática social gravísima que debera ser atendida como prioritaria, porque afecta a menores, a menores que están no último chanzo do sistema da protección. Unha arma arreboladiza para levar a cabo vendetas políticas. 

Negocio

E o triste é que parece que así se está a tratar por parte dos responsables políticos que deberan achegar todos os medios para protexer a nenos e nenas, e non tentar ocultar cifras e circunstancias para non embarrarse en responsabilidades.

Por citar un par de exemplos: en Madrid, a presidenta Ayuso considerou que para que crear unha comisión de investigación que "busca confundir más que ayudar", malia a que ata os seus socios de goberno, Vox, apoiaron esta petición da oposición.

En Baleares tamén temos un exemplo de xestión da problemática en cuestión canto menos curioso, xa que tras o escándalo de abusos sexuais a menores tuteladas e dun elevado número de detencións, o Parlament e o Consell de Mallorca rexeitaron, tamén, a creación da comisión de investigación. Pero asistimos á aterraxe dunha comisión de eurodeputados encabezada pola súa presidenta, Dolors Montserrat, e formada maioritariamente por partidos conservadores da Eurocámara para investigar os feitos.  

E así segue o tema…

A cuestión é non falar do que os especialistas sinalan como factores clave: que os macrocentros non son a mellor opción de internamento para estes nenos e nenas, xa que a disparidade de idades non os fai idóneos; que externalizar a xestión por parte da administración a entidades privadas que prestan o acollemento e que só ven un negocio na xestión implica que se escatime en persoal e que, o que hai, estea mal pagado e acabe claudicando.

A cuestión é que no benestar e protección dos menores non se poden escatimar esforzos.