Non mingua a loita polo colexio de Baamonde

Imaxe da concentración (Foto: SLG)

Unha nova concentración en Lugo esta terza feira protestou polo fechamento deste centro de Begonte.

Desafiando o mal tempo, a protesta contra o fechamento do colexio de Baamonde, no Concello de Begonte, volveu expresarse nunha concentración. Desta volta foi ante o Edificio Multiusos da Xunta en Lugo e, de novo, para reclamar que se manteña o centro de ensino e reivindicar unha aposta polo ensino nun “rural vivo”.

“Lamentamos que a decisión sobre o futuro dese centro non estea nas nosas mans, pero o que si sentimos  é  a obriga de manifestar o noso rexeitamento cara a esta política de desmantelamento do ensino no rural e do rural en si mesmo”, indicaban na convocatoria.

A proposta de converter o centro nunha escola de música foi aceptada polo alcalde do concello, o popular José Ulla, nunha reunión levada a cabo a mediados de marzo co presidente Núñez Feixóo. O alumnado dese colexio sería reagrupado no centro educativo de Begonte.