“Non hai necesidade”: O PP insiste en desprestixiar a manifestación que apoian milleiros de persoas ante o colapso da sanidade

Luís López, Paula Prado e Rafael Domínguez, esta sexta feira, na praza de touros de Pontevedra. (Foto: Nós Diario)

“O que está a facer o Goberno da Xunta en materia de sanidade é extraordinariamente bo”, asegurou a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado

A secretaria xeral do PP na Galiza e candidata pola Coruña, Paula Prado, considera "absolutamente politizada" a manifestación da Plataforma SOS Sanidade Pública convocada para este domingo en Compostela ante o colapso da sanidade pública.

Preguntada pola prensa no transcurso dunha visita aos preparativos do mitin central do PP na praza de touros de Pontevedra que terá lugar este sábado, Paula Prado sinalou que "hai unha mobilización e unha manipulación por parte dos partidos de esquerda".

Paula Prado asegurou que existe "un correo electrónico que circula por aí", no que "se ve como todas as forzas políticas puxéronse de acordo para sufragar esta manifestación". "Sufragan autobuses, sufragan o palco, sufragan a megafonía", apostilou.

"Non é unha manifestación que xurda dunha necesidade da sociedade civil", sostivo a secretaria xeral do PP, a pesar de que a enquisa do CIS publicada en xaneiro situaba a sanidade como un dos principais problemas para os galegos e as galegas.

Prado fixo tamén referencia á recente marcha en Compostela en defensa do mar e contra a xestión da Xunta da Galiza da vertedura dos pellets na que "a xente non participou tanto".

En realidade, na manifestación que percorreu as rúas da capital galega o pasado 21 de xaneiro apoiada por 130 colectivos (dos que 41 son do mar, agrupacións de mariscadoras, Confrarías, Agrupacións de Produtores de Mexillón..., 40 socio-culturais, 22 colectivos ambientalistas, 18 plataformas, seis colectivos sindicais, dous de limpeza e un de sanidade), participaron milleiros de persoas de toda a Galiza, convertendo Compostela nun “clamor en defensa do mar”.

Xestión "extraordinariamente boa"

"Nós estamos tranquilos, sentimos que as persoas que necesitan a sanidade pública están atendidas", dixo Prado. "Non sei se buscar réditos políticos nisto lles vai ser rendíbel", apuntou en relación ás formacións políticas "de esquerda".

Así, fixo fincapé en que "a sanidade de galega é no barómetro sanitario unha das sanidades das comunidades autónomas máis valoradas do Estado español" unha cualificación que "non é do Partido Popular, senón que é o que din os datos do Ministerio".

Con todo, o Defensor do Paciente certificou o pasado mes de xaneiro que a Atención Primaria da Galiza é a “máis saturada” do Estado español, situándoa como a “gran debilidade do sistema sanitario” galego. Ademais, o investimento en Atención Primaria será en 2014 uns 327 millóns de euros inferior ao de 2009 e as listas de agarda para se operar na Galiza aumentaron 21% en 10 anos.

Tras recoñecer que "hai persoas que ás veces sofren algún atraso na atención sanitaria", Paula Prado indicou que iso é debido á falta de médicos "e iso depende do goberno de España" mentres que "o que está a facer o Goberno da Xunta en materia de sanidade é extraordinariamente bo".