Reaccións após os incidentes deste sábado en Compostela

"Non estiven alí, así que non podo saber se foi axeitada", di Villares sobre a actuación da policía en Compostela

Villares

"Non houbo persoas feridas e rematou todo ao día seguinte con total normalidade", avaliou o portavoz de En Marea no Pazo do Hórreo. Por súa parte, Rubén Cela, concelleiro do BNG en Compostela, cualificou o dispositivo policial de "totalmente desproporcionado". Ao xuízo de Cela, nos incidentes do sábado a violencia veu exclusivamente da man da policía.

O portavoz de En Marea no Parlamento galego, que compareceu en conferencia de imprensa na compaña de Manuel Lago para falar basicamente sobre a situación do sistema financeiro galego após o desaparecimento do Banco Popular-Pastor, foi interpelado polos meios a respeito das novas cargas policiais producidas este sábado en Compostela contra as persoas que se manifestaban en protesto polo desaloxo do CSOA Escárnio e Maldizer.

 

"É positivo que se poda producir o dereito á libre manifestación das persoas que así o desexen nas rúas de Compostela e que as forzas de seguridade estean para impedir que se produzan os incidentes que afecten outros direitos fundamentais", dixo literalmente.

 

O xuíz en excedencia razoou que "no exercicio de calquera direito fundamental, moitas veces se produce a tensión con outros direitos fundamentais e a salvagarda de todos eles, na medida en que queda asegurada, dá lugar a un funcionamento con normalidade dun estado democrático".

 

Villares foi directamente interpelado polos meios sobre se consideraba desproporcionada ou non a acción policial durante os incidentes deste sábado, saldados, após cargas policiais e disparos de bolas de goma, con dúas persoas detidas e a identificación doutras 114. O portavoz de En Marea declinou valorar a cuestión: "Eu non estiven aí, así que non podo dicer se foi axeitada ou non". E a seguir, engadiu: "Creo que non houbo persoas feridas e que todo rematou ao día seguinte, con total normalidade".

 

Martiño Noriega fala da "resistencia pasiva das e dos manifestantes

 

Nunha lonxitude de onda moi distinta emitiu o seu discurso tamén esta segunda feira Martiño Noriega, alcalde de Compostela. O dirixente de Anova falou de "resistencia pasiva" das e dos manifestantes, chamou ao diálogo e rexeitou "botar gasolina ao lume".

 

Por súa parte, Rubén Cela, membro da Executiva nacional do BNG e portavoz nacionalista no concello de Compostela, en declaracións recollidas por Europa Press, cualificou o dispositivo policial de "desproporcionado" (deu o dado de que había 200 policías perante 600 persoas manifestantes), criticou que as forzas de seguranza dificultasen o traballo dos meios presentes na marcha e afirmou taxativamente que a "única violencia" exercida durante os incidentes foi a utilizada pola policía contra as e os manifestantes.

 

Rubén Cela atribúe á policía toda a violencia vivida durante os incidentes do sábado

 

Cela alegou que os propios atestados policiais dan noticia de que non se produciu ningún tipo de "destrozo" no mobiliario urbano, o que demostraría o carácter pacífico da manifestación.