Carme Adán, doutora en Filosofía

“Se non es libre, nunca vas ser igual”

[Imaxe: Susana Rois] Carme Adán

Pensar é un acto revolucionario. E o último libro de Carme Adán (Donostia, 1966) –catedrática de Filosofía no IES Politécnico de Vigo, coordinadora de Pensamento e Sociedade no Consello da Cultura Galega e ex secretaria xeral de Igualdade– é unha invitación a facermos a revolución desde o pensamento. Feminicidio. Unha nova orde patriarcal en tempos de submisión (Galaxia) é un percorrido pola epistemoloxía feminista para axudarnos a entender a violencia contra as mulleres máis alá dos datos que dan conta do número de asasinatos, denuncias e violacións de mulleres polo feito de ser mulleres. Eis un extracto da conversa publicada no número 330 de Sermos Galiza.

O feminicidio como punto e palabra de partida. Por que defende que é o momento de facela de uso común e de incorporala ao ordenamento xurídico?

 

Este libro vai trenzando o que foi a miña formación en teoría feminista, a miña experiencia na Secretaría de Igualdade, a redacción da lei galega e posteriormente, xa como deputada, os debates que mantivemos no Parlamento para incorporar o concepto feminicidio. Naquel momento consideraba que era importante que aparecese no ámbito lexislativo. Hoxe estimo importante tanto que se recolla aí como que sexa usado polos movementos feministas, que xa o fan, pero sobre todo, que se entenda o que queremos dicir. Para chegar á xente e que non haxa esa especie de confusión na que nos queren situar onde violencia doméstica é o mesmo que violencia de xénero, violencia, en xeral, é necesario que as palabras sexan nítidas e representen exactamente o que queremos dicir.

 

Que nos achega de novo este termo á hora de comprender a violencia contra as mulleres?

 

Eu digo no libro que os conceptos non compiten entre si, senón que se complementan, e que nun momento determinado son quen de botar luz sobre as circunstancias que nos levan a falar deles. Pero máis importante que a palabra é o que describen, a realidade na cal emerxen. E o feminicidio fainos ver claramente que a violencia que sofren as mulleres é estrutural, está relacionada cun sistema patriarcal que muda constantemente para adaptarse aos novos tempos. Sen violencia o patriarcado non se reproduciría nin tería o poder que ten.

 

Para saír á rúa está moi ben falar en termos de violencia machista pero se imos lexislar é importante ter as cousas claras, sobre todo agora que nos enfrontamos a quen insiste en negar que as mulleres sufrimos violencia por ser mulleres.

 

Como valora ese paso atrás na forma de referirse e de (non) recoñecer a violencia contra as mulleres, reducíndoa, de novo, a un contorno privado, a un problema individual?

 

A violencia nunca é privada, nin sequera esa violencia que poidan estar sufrindo nas casas as persoas maiores ou os nenos, que existe, porque estamos nunha sociedade na que cada vez convivimos con máis niveis de violencia. O grave é empregar o concepto doméstico e restarlle valor á violencia contra as mulleres dicindo que depende das circunstancias psicolóxicas ou que lle pasa a unha pero non a todas cando é imprescindíbel para que o patriarcado se reproduza. As mulleres levamos moito tempo denunciando que nesta estrutura todo o que vivimos de forma persoal é algo político.

 

Cre que este tipo de discurso evidencia a forza política que ten o feminismo contra a sociedade patriarcal?

 

O feminismo funciona, e si, creo que é un discurso moi interesado para limitar os seus logros. Era de esperar. Aqueles que ven perigar as súas posicións de poder van intentar soster un marco onde todos sufrimos violencia, até os cans. Pero hai unha violencia moi determinada onde as cifras son alarmantes, unha violencia que non vai a menos, en forma asasinatos e violacións, que ademais, educa as nenas no medo. Ten coidado cando saes. Esa é a mensaxe que transmiten as noticias sobre violacións. Ese ‘ten coidado’ coarta a túa liberdade, e se non es libre, nunca vas ser igual. Aquí enganámonos ao dicir: cando haxa máis igualdade non haberá violencia. Non, a violencia é previa. Non é só unha manifestación da desigualdade, é o elemento sobre o que se asenta a desigualdade.

 

[Podes ler a entrevista íntegra no número 330 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]