APOIO Á NATALIDADE

Non é país para crianzas

Falta de asesoramento e apoio durante o embarazo, parto, postparto e aleitamento. Imposición dun modelo de crianza estandarizado e invisibilización doutras perspectivas, así como a laminación do idioma propio na escolarización. Estes son, canda as dificultades derivadas dun contexto de crise, marcado polo desemprego e a precariedade, os factores que inciden no continuado descenso da natalidade e nas dificultades na crianza que enfrontan as nais e pais no noso país. Eis un extracto da reportaxe que publicamos no Sermos Galiza 248.

A baixa natalidade é un problema estrutural na Galiza. Desde 1986, o saldo vexetativo é negativo, isto é que se rexistran máis falecementos que nacementos. Unicamente o retorno da emigración galega, a finais dos anos 90 e inicio da primeira década do século XXI, atenuou esa tendencia. As proxeccións demográficas para o noso país son estarrecedoras. A taxa bruta de natalidade foi do 7,12 no ano 2015, face ao 16,0 rexistrado en 1975. Para 2020 as previsións do Instituto Galego de Estatística apuntan que o descenso no número de nacementos continuará reducindo a taxa de natalidade até o 6,3.

 

O Goberno galego, en mans do Partido Popular, preséntase a si propio como o executivo que máis apoio brindou ás familias na historia autonómica. O presidente Alberto Núñez Feijóo presume de medidas como a Tarxeta Benvida, que supón unha axuda de 100 euros mensuais no primeiro ano de vida, das “deducións fiscais máis altas do Estado”, do aumento nas prazas de escolas infantís, do Bono Concilia -que financia o custo das prazas en escolas infantís privadas- ou a creación das chamadas casas-niño, nas que o coidado das crianzas pasa a ser asumido de maneira privada fóra da rede de escolas infantís.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 248, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]